Galicia en Común- Anova Mareas reclama á Xunta a posta en marcha de axudas directas para autónomos

Gómez Reino advirte que moitas non estarán en disposición de levantarse tras a emerxencia sanitaria se non reciben apoio inmediato do Goberno galego

Eva Solla lembra que outros Gobernos autonómicos, como os de Catalunya, Euskadi e a  Comunitat Valenciana, si financian con  subvencións a fondo perdido o cesamento de  actividade e o pago de  alugueiros

A Coruña, 12 de abril de 2020.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou hoxe á Xunta que poña en marcha liñas de axudas directas para autónomos, destinadas a garantir a súa subsistencia e a afrontar as consecuencias económicas da epidemia de Covid-19. Gómez Reino lembrou que Galicia é unha das comunidades autónomas que aínda non ten desenvolvido este tipo de axudas.

“En Galicia hai máis de 200.000 traballadoras autónomas que precisan de apoio inmediato para afrontar o cesamento de actividade derivado do estado de alarma, e que cando a emerxencia sanitaria remate non poderán levantarse se agora mesmo non se lles presta axuda”, dixo.

Gómez Reino subliñou que o Goberno do Estado adoptou varias medidas específicas para autónomos, como a moratoria no pago das súas cotas, o aprazamento no saldo de débedas coa Seguridade Social e a posta en marcha dun subsidio específico de desemprego. “Pero fan falta outras medidas específicas e complementarias a nivel autonómico máis aló da propaganda habitual de Feijóo”, insistiu.

Pola súa banda, Eva  Solla lembrou que o suposto apoio ás autónomas galegas publicitado pola Xunta consiste unicamente nunha partida de 10 millóns de euros para financiar os gastos de adaptación daquelas empresas galegas que empecen a producir material sanitario “é claramente insuficiente, máis aínda se se compara coas medidas adoptadas por outros Gobernos autonómicos”, dixo.

Así, Solla detallou que Catalunya e Euskadi aprobaron axudas directas para as persoas autónomas de ata 2.000 euros e 3.000 euros, respectivamente, así como moratorias no pago de cotas e alugueiros de locais, unha opción pola que tamén optou a Generalitat valenciana.

“A Xunta ten que abrir liñas de  axudas directas a fondo perdido que  vaian  nese  camiño,  isto  é, para subvencionar  as  perdas ocasionadas polo cese de  actividade, o pago de  alugueiros e  mesmo abrir a  posibilidade da exención  daqueles  alugueiros,  incluídos os de parcelas en polígonos industriais, que son da súa propiedade ou do Instituto Galego da Vivenda e Solo”, concluíu.

Podes escoitar o audio de Gómez Reino aquí