Galicia en Común-Anova Mareas reclama á Xunta que poña en marcha de inmediato axudas directas para autónomas e pemes

Luca Chao cuestionou que a Xunta de Feijóo sexa o único Goberno autonómico do Estado que non ten mecanismos propios de apoio aos pequenos negocios afectados pola emerxencia sanitaria e lamentou que chegan tarde tras a rectificación do conselleiro anunciando un paquete de axudas directas

A coalición esixe ao Executivo galego que deixe de respaldar ás empresas que xestionan as residencias de maiores privatizadas durante os gobernos do Partido Popular, onde morreron o 98% das persoas falecidos pola Covid-19 nese tipo de centros

Compostela, 13 de maio de 2020.- Galicia en Común- Anova Mareas reclamou hoxe no Parlamento de Galicia a posta en marcha inmediata de axudas directas da Xunta de Galicia ás traballadoras autónomas galegas que tiveron que pechar os seus negocios e paralizar a súa actividade como consecuencia da emerxencia sanitaria.

Nunha pregunta ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, no pleno da Deputación Permanente da Cámara, a voceira Luca Chao lembrou que Galicia en Común leva semanas reclamando esas axudas, e que a Xunta é o único Goberno autonómico que non complementa con fondos propios os mecanismos de apoio postos en marcha polo Goberno do Estado. Finalmente, na súa réplica, o conselleiro anunciou a súa intención de poñer en marcha axudas directas, unha rectificación que «chega tarde. Aínda así, alegrámonos e estaremos vixiantes», indicou Chao.

Esta tardanza reflíctese en que “centos de miles de familias directamente afectadas polo impacto da crise da Covid-19 precisan que o seu Goberno faga algo. Porque os bares, os restaurantes, os comercios, librarías, perruquerías, ximnasios, centros de lecer, etcétera, tiveron que pechar as súas portas, pero tiveron que seguir pagando alugueiros, facturas de luz e auga, as cotas das traballadoras que tiñan en marzo, asumindo os pagos aos provedores… Unha infinidade de facturas que fan moi difícil non só a continuidade de moitos pequenos negocios que son un alicerce imprescindible da nosa economía, senón á propia subsistencia familiar”, dixo.

Chao indicou que o Goberno do Estado ten deseñado un plan de axudas que beneficia hoxe a 68.000 traballadoras galegas afiliadas ao réxime de autónomos da Seguridade Social, e a máis dun millón de persoas en todo o Estado. E engadiu que todas as comunidades autónomas estableceron tamén axudas compatibles con elas. “Desde os 400 euros de Asturias aos 2.000 de Cataluña e os 3.000 de Euskadi, pasando polos 1.500 euros da Comunidade Valenciana”.
A portavoz de Galicia en Común subliñou que mesmo nas comunidades onde tamén goberna o PP puxéronse en marcha mecanismos de apoio similares. «Ou é incompetencia ou é desinterese, pero é evidente que non están á altura do momento», acusou. Chao lamentou que a Xunta non se dedique a gobernar, senón “á propaganda permanente”, e insistiu nas propostas que Galicia en Común expuxo hai semanas ao presidente do Executivo galego.

Unha situación “dramática e incompresible” nas residencias de maiores

Por outra banda, Luca Chao tamén esixiu á Xunta que deixe de respaldar ás empresas que xestionan as residencias da tereceira idade privatizadas polos gobernos de Feijóo, onde se produciron máis do 98% das mortes ocasionadas pola Covid-19 nese tipo de centros.

Nunha pregunta á conselleira de Política Social, Fabiola García, a voceira de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que a Xunta siga mantendo ás usuarias e ás traballadoras deses centros nunha situación “dramática e incomprensible”. “Dramática, porque as cifras de falecementos en residencias de maiores son realmente arrepiantes: case a metade das persoas que faleceron en galicia por mor da Covid-19 eran residentes deste tipo de centros. E incomprensibles, porque, vendo o percorrido histórico, unha ten a certeza de que as cousas se puideron facer mellor. A certeza de que cando se privatizan servizos públicos esenciais os resultados son desastrosos”.


Chao lembrou que a Xunta coñecía desde hai anos as graves carencias de medios materiais e humanos que padecían as residencias privatizadas, como puxo de manifesto un informe específico sobre eses centros que o Consello de Contas presentou hai dous anos no Parlamento. “Vostede debería aproveitar para recoñecer o perxuízo da privatización sobre a vida das persoas e asumir a súa responsabilidade política. Cando menos, debera ser valente, dar un paso adiante e disculparse publicamente por ter ignorado as deficiencias e as denuncias que alertaban das mesmas”, alegou Chao.

Finalmente, a deputada cuestionou que o Goberno de Feijóo oculte as cifras das mortes nas residencias galegas que reclaman os expertos, porque vulnera o dereito das familias e de toda a cidadanía galega a estar informadas sobre a situación, e porque impide que Galicia teña un mapa real sobre a evolución da epidemia e que se poida loitar eficazmente contra o expansión do virus.

Aquí podes escoitar a intervención de Luca Chao na Deputación Permanente deste mércores.