Galicia en Común-Anova Mareas revertirá as privatizacións do goberno Feijóo e fortalecerá a Atención Primaria galega

Gómez Reino: “Unha sanidade pública forte é o noso maior valor, por iso a dotaremos de recursos materiais e sobre todo de recursos humanos”
Feijóo é culpable de recortar máis de 1.300 millóns de euros na sanidade pública dende 2009, abrindo a porta ás grandes multinacionais
As eleccións do 12X son a oportunidade de rematar co decenio negro de Feijóo e coa súa política privatizadora tal e como se evidenciou coas residencias de maiores»

Compostela, 30 de maio de 2020.- O voceiro e candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino; a candidata por Pontevedra, Eva Solla e o candidato número 3 pola Coruña, Martiño Noriega, reuníronse esta mañá telematicamente coa Asociación en defensa da Sanidade Pública que lles trasladou as necesidades do sistema sanitario galego.

Denunciaron que a situación da sanidade pública “xa era mala anteriormente e agora coa epidemia de covid19 demostrouse que non estabamos preparados para unha epidemia destas características, a pesar da propaganda de Feijóo”. Dende a Asociación en Defensa da Sanidade Pública amosáronse moi críticos coas “privatizacións do Partido Popular que deixou o sistema sanitario en mans de multinacionais” e puxeron como exemplo a situación das residencias de maiores durante a crise sanitaria. “Cómpre abrir unha investigación polo acontecido nas residencias, xa que non é casualidade que o 85% dos falecidos se concentren en 6 residencias privadas e mais se o comparamos coa incidencia nas de xestión pública que foi mínima”, tal e como vén pedindo a coalición durante as últimas semanas.

Entre as propostas de GeC-AM en materia sanitaria atópanse o fortalecemento e impulso da Atención Primaria “que é a porta de entrada ao propio sistema e que foi maltratada polo Partido Popular na última década”. Por iso dignificarase este primeiro eido sanitario fronte ás actuais Xerencias de Atención Integrada, que supeditaron os servizos de Atención Primaria aos hospitais e reforzaranse os medios materiais e humanos nos centros de saúde. «Se en Galicia soportamos mellor esta crise foi grazas aos profesionais da sanidade pública e a pesar da nefasta xestión de Feijóo e de ser o culpable da degradación do sistema sanitario público. As eleccións do 12X son a oportunidade de rematar co decenio negro de Feijóo”.

Antón Gómez Reino sinalou que “unha sanidade pública forte é o noso maior valor como sociedade, tal e como nos demostrou unha epidemia como a do coronavirus e por iso a dotaremos non só de recursos materiais senón sobre todo de recursos humanos”. Precisamente sobre o persoal puxo o foco Martiño Noriega, que sinalou que “o principal problema da Atención Primaria serán os propios recursos humanos xa que o sistema expulsou ao persoas durante os últimos anos”. Eva Solla tamén subliñou a necesidade de reforzar e ampliar as infraestruturas sanitarias “porque a maioría están infradimensionadas e iso ten como consecuencia problemas como os que vimos durante a epidemia da Covid19”.

Precisamente en relación á privatización e aos recortes da última década, que ascenden a máis de 1.300 millóns de euros en termos nominais, Galicia en Común-Anova Mareas impulsará unha auditoría para coñecer a totalidade das privatizacións no Sergas, estudando as posibilidades legais e económicas para revertilas. Unha situación que se repite no macrocontrato de xestión e mantemento das instalacións no CHUOU de Ourense, nos contratos que privatizaron parte da asistencia sanitaria da área de Coruña e Lugo ou a opacidade coa que a Xunta asinou coa multinacional Medtronic para permitirlle a entrada nas unidades de cardioloxía de Lugo, Santiago, Vigo e Coruña.

Vídeo e audio