Galicia en Común-Anova Mareas sinala á Xunta do PP como responsable política dos falecementos nas residencias de maiores do país

Eva Solla anunciou que a coalición ven de rexistrar no Parlamento Europeo  situación de vulneración de dereitos fundamentais das persoas falecidas nas residencias privadas polo que solicitan a investigación e responsabilidades ante o desleixo da Xunta 

“Reclamamos que estes servizos sexan 100% públicos e de calidade onde se respecten tanto os dereitos das persoas usuarias coma das traballadoras”

“Precisamos un novo modelo 100% público contra o modelo privatizador do Partido Popular durante os pasados once anos”, asegurou Figueroa

Cangas, 18 de xuño.- A cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Eva Solla, xunto á número dous, Iria Figueroa, mantiveron hoxe a tarde unha xuntanza coa asociación Vellez Digna, conformada polas familias das persoas usuarias da residencia de DOMUS VI en Aldán, entidade que xunto as colectivos de pensionistas promoven unha mobilización diante do Concello de Cangas.

Solla acusou ao Goberno de Núñez Feijóo de ser o principal responsable do acontecido nas residencias de maiores galegas, onde perderon a vida 274 persoas, das que 273 fixeronno en residencias privadas. “O modelo privatizador e as decisións tomadas de non trasladar ás persoas enfermas de coronavirus a centros sanitarios son as principais causas do acontecido”.

“Queremos que se aclare esta cuestión e apoiamos as denuncias feitas polas asociacións de familiares», afirmou Eva Solla. que avanzou «a petición de investigación rexistrada hoxe ante o Parlamento Europeo por vulneración dos dereitos fundamentais destas persoas, maiores e dependentes que faleceron nas residencias galegas”

Pola súa banda, Iria Figueroa incidiu en que “a intervención das residencias privatizadas é unha prioridade para un novo Goberno na Xunta”.

“Precisamos un novo modelo 100% público contra o modelo privatizador do Partido Popular durante os pasados once anos”.