«Os case 150.000 galegos e galegas que teñen un contrato de alugueiro non están protexidos por un goberno, o galego, que lle da as cóstas”
A coalición pídelle a Ángeles Vázquez que explique en sede parlamentaria a ausencia de política de vivenda durante a crise da Covid-19
A Coruña, 19 de abril de 2020.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas trasladoulle esta tarde ao presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feijóo, e ao resto de líderes políticos galegos a súa preocupación pola falta de política de vivenda por parte do goberno galego durante a crise do coronavirus, así como pola carta que a conselleira de Vivenda lle remitiu o pasado 13 de abril ao Ministerio de Transportes. Nela aseguraba que a prohibición de desfiuzamentos impulsada polo goberno do Estado suporía unha “desprotección para os arrendadores, o que no futuro, claramente, pode desincentivar a saída ao mercado de vivenda en alugueiro”.
Para Gómez Reino, esa misiva amosa que “os case 150.000 galegos e galegas que teñen un contrato de alugueiro non están protexidos por un goberno, o galego, que lle da as cóstas”. Por iso o portavoz lle remitirá esta mesma tarde unha carta á titular de vivenda da Xunta para amosar o “malestar e a disconformidade” da coalición polo contido dese escrito e solicitar a súa rectificación e comparecencia ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia.
Galicia en Común-Anova Mareas entende que ese enfoque da Xunta deixa de lado aos miles de galegos e galegas que teñen un contrato de alugueiro e que precisan protección do Estado de Benestar como consecuencia da expansión da Covid19. Nese sentido, Gómez Reino trasladoulle a Núñez Feijóo as propostas da coalición en materia de vivienda e entre as que se inclúen a exoneración ás familias do pago de alugueiro das vivendas de protección ata o mes de xuño; a extensión do bono de alugueiro ao 100% para persoas sen recursos ou axudas a estudantes para alugueiro de pisos e residencias universitarias para todas as familias que perderan ata o 75% dos seus ingresos.
“As administracións deben tomar medidas para protexer a todos aqueles que carecen de recursos ou que viron mermados os seus ingresos económicos por mor desta pandemia”, indicou o portavoz que pediu que “non se saia desta crise como o fixemos da de 2008, deixando atrás ás persoas máis vulnerables”.