Galicia en Común-Anova Mareas urxe unha posición «de país» para afrontar a situación do coronavirus en Galicia

  • «Amosamos a nosa total dispoñibilidade con lealdade e responsabilidade para afrontar esta situación»
  • «Facemos un chamado a manter unha xuntanza previa con todos os grupos que se presentan ás eleccións. O único importante é garantir a saúde»

Compostela, 12 de marzo de 2020. Antón Gómez-Reino, Eva Solla e Martiño Noriega analizaron hoxe a situación do coronavirus en Galicia e as posibles medidas a adoptar ante unha situación «que é a principal preocupación dos galegos e as galegas». O candidato á presidencia da Xunta, tal e como za avanzara onte, detallou a conversa que mantivo co presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo «ao que lle trasladamos a nosa fonda preocupación sobre o avance do coronavirus e o informamos de que asistiremos a xuntanza do vindeiro luns». Porén, insistiu na importancia de que «para a cita do vindeiro sábado, onde o presidente do goberno do Estado se porá en contacto con Feijóo e os presidentes autonómicos, sexamos quen de elaborar xuntas unha posición de país para abordar o problema». Por iso Galicia en Común-Anova Mareas fai un chamado para manter unha xuntanza previa con todos os grupos que se presentan ás eleccións. «O único importante é garantir a saúde».

Martiño Noriega quixo «mandar dende a coalición unha mensaxe de tranquilidade ao conxunto da cidadanía galega, asentada nos valores dun sistema de saúde público que colle peso específico na resposta dada ante este tipo de situacións». O número 3 pola provincia da Coruña explicou que «as medidas do SERGAS e do Ministerio de Sanidade atenden, non tanto á virulencia senón á necesidade de evitar a súa propagación e así evitar o colapso do sistema sanitario». Noriega reiterou a «posición de lealdade da coalición» mais tamén «queremos ser propositivos e sinceiros» propoñendo que sexa o SERGAS «quen exerza en coordinación con Sanidade». Martiño Noriega amosouse «preocupado polo estado do Plan Galego» e suxeriu «non escatimar en recursos nin humanos nin técnicos, tendo en conta que o pico está por chegar». «Entendemos que o obxectivo é frear a expansión do coronavirus diagnosticando nos domicilios. O que nos preocupa é que os equipos que habilitou o SERGAS sexan quen de atender a totalidade do país, sobre todo nas zonas rurais». Dende a coalición púxose o foco «na importancia de reforzar os recursos humanos no 061, que se habiliten teléfonos para facer consultas e se reforcen os centros hospitalarios para garantizar o illamento dos pacientes».

Tamén Eva Solla quixo agradecer «o esforzo do persoal sanitario no conxunto do país. Están facendo un traballo exemplar, de maneira que reclamamos tamén ese esforzo por parte da Consellería, adaptando os recursos á situación que temos neste momento, tanto na central de chamadas como co propio persoal sanitario do 061». A número 1 pola provincia de Pontevedra solicitou ao SERGAS «que se poñan a disposición a totalidade das camas que están pechadas e se reforce tamén o persoal nos centros de días e nas residencias de maiores, establecendo un protocolo ante a eventualidade dalgún positivo nas persoas residentes e as traballadoras» co obxectivo de coidar a poboación de risco. Eva Solla insistiu na «nosa completa posta a disposición da Xunta para traballar e consensuar ditas medidas».

Podes escoitar o audio aquí