Galicia en Común apoia a convalidación do RD 18/2020 de medidas sociais en defensa do emprego

Gómez Reino: “Frente ao seu escudo bancario, este goberno despregou un insólito escudo social para que a nosa sociedade non quede paralizada”

Madrid, 27 de maio de 2020.- O voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, defendeu en sesión plenaria a convalidación e tramitación como Proxecto de Lei do RD 18/2020 de medidas sociais en defensa do emprego.

O apoio do Grupo Parlamentario vén determinado polo feito de que “este RD cubra dúas necesidades en termos normativos: primeiro, a prórroga dos ERTE e, segundo, a súa desvinculación da situación do Estado de Alarma”, sinalou o portavoz. 

Gómez Reino puxo en valor ademais que este texto normativo elaborouse “atendendo as demandas e propostas dos axentes sociais e territoriais porque a premisa básica non é beneficiar aos de sempre senón velar pola maioría e o interese xeral”.

Na súa intervención en sede parlamentaria, Antón Gómez Reino comparou a xestión de crise do covid-19 coa xestión da crise económica do 2008. “Mentres que vostedes, señores da dereita, facilitaron o despedimento e recortaron a cobertura das prestacións por desemprego, este Goberno lánzase a protexer aos traballadores e as traballadoras” pondo en valor o escudo social “que con gran esforzo e mobilización de recursos públicos está a despregar este goberno e que cobre a 6,7 millóns de persoas”.

Finalmente, o portavoz de Galicia en Común lembrou que este Real Decreto incorpora unha cláusula “tan necesaria como innovadora” para que as empresas que repartan dividendos e as que operen en paraísos fiscais non poidan acollerse aos ERTES para “concentrar o apoio naqueles sectores e empresas que realmente o necesitan e para seguir camiñando cara á xustiza fiscal, non alimentando desde as arcas públicas a aqueles que non queren achegar ao que é común”, concluíu.