Galicia en Común apoia a protesta dos traballadores polo futuro do estaleiro Barreras

«Denunciamos a total parálise da actividade e a inacción da Xunta e do Goberno. Non poden deixar caer un sector estratéxico e motor económico en Galicia», sinalou a deputada Yolanda Díaz.

Vigo, 19 de setembro de 2019. A voceira de Galicia en Común no Congreso, Yolanda Díaz, amosou este martes o seu apoio á manifestación en Vigo polo futuro do estaleiro Barreras.

«Denunciamos a total parálise da actividade e a inacción da Xunta e do Goberno. Non poden deixar caer un sector estratéxico e motor económico en Galicia», sinalou a deputada.

Por iso, fixo «un chamado á mobilización na defensa do sector naval en Vigo, que ten visos de que pasará por malos momentos se non o impedimos ou se non se toman decisións fortes».

Díaz esixe buscar unha solución á situación actual de parálise para evitar o impacto catastrófico sobre o sector auxiliar que están provocando as débedas.

«Urxe que se dea unha salvagarda a Barreras. Hai que garantir a carga de traballo, son postos de traballo directos e indirectos. Cada estaleiro pechado é unha cuota que gañan outros países», denunciou a deputtada, que incidiu na necesidade de defender e salvar os sectores estratéxicos.

«Ningún país europeo permitiría que caesen os seus sectores estratéxicos. Por tanto, solidariedade cos traballadores, faremos un análise colectivo. O que deberían facer os gobernantes é defender a súa xente», sinalou.

A deputada tamén sinalou que «é preciso buscar solucións para Vulcano» e denunciou a extinción da concesión administrativa a Factorías Vulcano presentada polo Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, que limita que un inversor poida estar interesado nas instalacións e seguir adiante coa actividade do estaleiro.