“É fundamental mobilizar a cidadanía progresista para evitar que Pedro Sánchez faga coalición co PP e consolidar un un goberno de esquerdas que entenda a plurinacionalidade e a cultura como motor transformador”
Audio: https://bit.ly/2WvP3Jk
A Coruña, 1 de novembro.- Galicia en Común celebraba este mediodía na cidade atlántica o encontro vermú ‘Cultura e Cambio‘, do que participou como convidado o artista e activista Marcelo Expósito e no que tomaron parte membros da nosa candidatura como o deputado Antón Gómez-Reino e o senador e exconcelleiro de Cultura da Coruña, José Manuel Sande, entre outras.
“Hoxe temos a sorte de ter aquí a Marcelo, compañeiro dos movementos sociais, persoa clave nos movementos municipalistas de Barcelona e político moi relevante como secretario da Mesa do Congreso dos Deputados”, introducía Antón Gómez Reino ao inicio dun acto fermoso e senlleiro que xirou sobre o eixo da cultura como ferramenta motora do cambio e da transformación social.
Neste primeiro día de campaña falamos da cultura como a ferramenta fundamental do cambio, por iso «apelamos a mobilizar a xente nova, as mulleres e ao conxunto da cidadanía progresista que quere evitar que Pedro Sánchez faga coalición co PP e quere un goberno de esquerdas con Galicia presente no centro da acción política”, dixo Gómez- Reino.
Ademais, apuntou que as enquisas marcan unha clara tendencia crecente para a formación, que estaría moi preto de lograr as segundas deputadas pola Coruña e Pontevedra e de rachar co bipartidismo en Ourense e Lugo. “É algo clave para nós”, salientaba o candidato, Gómez Reino, quen lembrou que hoxe a tarde Galicia en Común estará en Ourense -19:30 no Hotel Barceló, Rúa Manuel Curros Enríquez, 1- e “toca apelar a mobilización nestas dúas provincias para que participen do cambio político a partir do día 11 de novembro”.
No que atinxe á Cultura, o deputado resaltou que «para nós é fundamental que se entenda a plurinacionalidade en materia lingüística e da comprensión do Estado plurinacional. E todo o que sexa promoción de cultura como ferramenta de transformación é materia central. Niso traballaremos após do 10 de novembro”, comprometeu.
Marcelo Expósito agradeceu o convite e a oportunidade de falar hoxe desde A Coruña en clave cultural sumando perspectivas e sensibilidades. “Nestes actos pensamos onde estamos e como estamos, tomando conciencia do que somos. Sabemos que temos que fomentar e reproducir un sistema político rico ao noso carón”, apuntou.
«O actual ciclo político non rematou: estamos a botarlle un pulso a hexemonía do neoliberalismo e a súa crise actual. Hai un vínculo histórico co que está a acontecer en Chile, México ou Ecuador. É o mecanimo de loita contra o neoliberalismo, que non produce nada: é pura extracción dos bens comúns”, dixo Expósito.
Pola súa banda, Sande facía fincapé nunha idea clave para nós que é na necesidade de fomentar a “compresión da cultura como un elemento de transformación social e de ensino” e da necesidade de ter un enfoque cultural feito desde o público, desde as insititucións, que de amparo e protección aos traballadores e traballadoras deste sector.
«O Estado ten un comportamento anómalo con moitas cuestións sin resolver”, incidía Sande, ao respecto da memoria histórica. “Non deixa de ser sarcástico presenciar nestes días pasados como o PSOE de Pedro Sánchez fardaba da exhumación de Franco cando nos vinte anos de gobernos socialistas non fixeron nada por solventalo”, reflexionaba Sande.
«O coñecemento da verdade é necesario para rematar coa impunidade neste país, iso é un tema fundamental e un paso que temos que dar», rematou Sande.