Galicia en Común chama en Gondomar á mobilización o 10N por un Goberno de esquerdas con Galicia dentro


“O PSOE limítase a prometer e nós somos os que lles obrigamos a que cumpran co prometido”

Gondomar, 2 de novembro.- A candidata de Galicia en Común por Pontevedra, Ángela Rodríguez (Pam), chamaba hoxe á mobilización de todas as xentes progresistas nas urnas o vindeiro 10 de novembro, particularmente as mulleres, a mocidade e aos pensionistas, que xa teñen dado exemplo de loita e compromiso, para que Galicia este presente nun goberno de esquerdas con voz propia e no centro da acción política para garantir futuro e dereitos.

“O PSOE non fai máis que prometer. Nós, Galicia en Común, somos os que lles podemos obrigar a cumprir cos seus propios compromisos”, manifestaba a exdeputada. “Galicia en Común-Unidas Podemos non entrou no goberno e Yolanda Díaz -que encabeza a lista pola provincia- non é ministra porque nós sí queríamos de verdade mudar as vidas da xente. E iso era o que lle preocupaba a os que lle mandan a Pedro Sánchez”, manifestou Rodríguez.

“Vivimos nunha época na que queren que asumamos como normal, pouco a pouco, que somos un país de ricos e de pobres, no que os recursos non se comparten e non hai igualdades de oportunidades”, reflexionou a exdeputada e candidata. «Por iso o estamos a dicir do xeito que mellor resume o noso programa e a nosa vontade. O noso lema é moi claro: Conta con nós. Contade con nós».

Ángela Rodríguez participaba hoxe a tarde nun encontro coas xentes de Gondomar no centro Nerual arroupada por outras dúas mulleres novas e candidatas por Pontevedra: Verónica Hermida e Antía Rodríguez, que concorren a estes comicios nas listas ao Congreso e ao Senado, respectivamente.

“Representamos a loita por unhas vidas vivibles, pola dignidade das xentes do común. Nesta campaña unicamente nós estamos a falar do importante, dos problemas da xente do día a día: dos prezos dos alugueiros, do paro, da precarización do emprego”, reivindicaba Verónica Hermida.

Pola súa banda, a mais nova das tres, Antía Rodríguez, estudante de Maxisterio reflexionaba sobre o que a levou a dar un paso adiante na política para concurrir, con tan so 20 anos, as Elección xerais do 10 de novembro como candidata ao Senado.

“Fágoo porque o personal é político. Quero formar parte do cambio porque a mocidade, a miña xeración, queremos un futuro no que os dereitos non sexan un privilexio. Quero que, no futuro, os meus alumnos e alumnas poidan ter material e que as miñas compañeiras de carreira non teñan que deixar a Universidade porque non poden pagar as taxas da matrícula”.