Galicia en Común comprométese a asegurar o acceso de todo alumnado a Internet e a través de axudas directas ás familias

Antón Gómez Reino asume o reto de acabar coa discriminación dos alumnos de fogares excluídos do ensino dixital por falta de medios para adquirir equipos e pagar o acceso á rede


Madrid, 9 de xuño do 2020.- O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, asumiu hoxe o compromiso de acabar coa discriminación dixital que padecen os estudantes que non poden acceder ás ferramentas de ensino on line por falta de medios para sufragar os equipos informáticos axeitados e para pagar a conexión a Internet de alta velocidade.

“Se logramos un Goberno de progreso tras o 12 de xullo, acabaremos coa fenda dixital en todo o país durante a próxima lexislatura, e poremos en marcha un programa de axudas públicas directas para financiar o acceso integral de todo alumnado galego ás novas tecnoloxías da información”, dixo.

Gómez Reino lembrou que a suspensión do curso escolar e o confinamento derivado da emerxencia sanitaria ten prexudicado especialmente aos alumnos de Primaria e Secundaria que pertencen a fogares con menos recursos, e que tiveron dificultades para acceder ao teleensino ou directamente se viron privados desa posibilidade. Esa exclusión tamén afectou ao estudantado universitario e de Formación Profesional que non tiña capacidade económica para adquirir ordenadores e pagar conexións axeitadas á rede.

“Os expertos veñen alertando de que cando o próximo outono se inicie o novo curso existe risco de rebrote da epidemia. Temos que prever esa posibilidade mobilizando os recursos públicos necesarios para impedir que ningún alumno sexa privado do seu dereito á educación por non dispor de rendas suficientes para contar coas ferramentas informáticas necesarias”, alertou.

“Máis aínda cando hai miles de familias galegas atravesando dificultades económicas pola crise derivada da emerxencia sanitaria”.

O voceiro de Galicia en Común lembrou que, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, hai 372.892 fogares galegos que non dispoñen de ordenador, e que cerca de 144.000 familias habitan en vivendas sen conexión a Internet, nin sequera a través do teléfono móbil. A situación é especialmente grave en comarcas enteiras da provincia de Ourense, onde a porcentaxe de fogares sen acceso á rede supera o 65% do total; ou na Costa da Morte, o sur da provincia de A Coruña, a Mariña lucense, os Ancares e o interior de Pontevedra, con índices por riba do 35%.

“Se queremos reconstruír o noso país, saír da crise e garantir un futuro de progreso e de igualdade de oportunidades a todos os novos, vivan na comarca na que vivan, non podemos permitir que ningún estudante sexa discriminado no acceso á sociedade da información por non dispoñer de recursos económicos”, concluíu.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.

E nesta ligazón tes o vídeo.