Gómez Reino: “A devolución do Pazo de Meirás debe marcar o camiño da recuperación doutros bens espoliados durante o Franquismo, como a Casa Cornide da Coruña ou as estatuas de Abraham e Isaac do Pórtico da Gloria”
A Coruña, 2 de setembro de 2020.- Galicia en Común valora moi positivamente a sentenza que se daba a coñecer hoxe por parte do Xulgado de Instrucción da Coruña onde se estima integramente a demanda interposta polo Estado declarándoo propietario do Pazo de Meirás e obrigando á familia do ditador a devolvelo.
O voceiro da formación no Congreso, Antón Gómez Reino cualificouno como “unha vitoria democrática que rematará con décadas de impunidade” e parabenizou a todo o pobo galego por recuperar o que “sempre debeu pertencer á sociedade galega”.
“Unha verdadeira democracia debe xulgar actos coma estes”, sinalou Gómez Reino, para engadir que “a devolución do Pazo de Meirás debe marcar o camiño da recuperación doutros bens espoliados durante o Franquismo, como a Casa Cornide ou as estatuas de Abraham e Isaac do Pórtico da Gloria”.
Na resolución coñecida hoxe asegúrase que “a compravenda de 1941 coa que o ditador conseguiu inscribir a finca ao seu nome no Rexistro da Propiedade foi unha simulación, o que determina a súa nulidade”.
Galicia en Común presentou numerosas iniciativas parlamentarias como a modificación da lei de amnistía para poder investigar os crimes franquistas, a ilegalización da Fundación Franco así como diversas proposicións non de lei para a devolución dos inmobles espoliados durante a ditadura.
Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.