Galicia en Común considera imprescindible garantir a actividade industrial naval nos terreos de Vulcano

Os deputados de Galicia en Común afirman que a cancelación da concesión pon en risco a operación de empresas interesadas en continuar coa actividade industrial naval.

Vigo, 13 de decembro de 2018. Os deputados de Galicia En Común, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino rexistraron este venres varias preguntas escritas dirixidas ao Goberno para coñecer a intención do Executivo en funcións en relación ao destino futuro dos terreos do Porto de Vigo que ocupou ata hai escasas semanas o estaleiro Factorias Vulcano S.A. 

Neste senso, os deputados galegos destacaron nesta iniciativa que é imprescindible garantir que o uso futuro destes terreos debe seguir destinándose á actividade  industrial naval e á xeración de postos de traballo e do futuro do sector naval. 

En concreto, na iniciativa rexistrada no Congreso dos Deputados interpélase ao Goberno a respostar sobre se existe previsión de declarar a extinción da concesión administrativa outorgada a Factorías Vulcano S.A. no ano 2009.

Os parlamentarios de Galicia En Común lembran que “o pasado mes de setembro, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, comprometeuse co Comité de Empresa de Factorías Vulcano a mediar ante a Autoridade Portuaria de Vigo para que este organismo alongara a concesión dos terreos se aparecía algunha empresa interesada en dar continuidade á actividade industrial na zona”. Sen embargo, a dirección da Autoridade Portuaria de Vigo, presidida por Enrique César López Veiga, tamén do PP, acordou o pasado 8 de novembro incoar expediente para declarar a extinción da concesión administrativa outorgada a Vulcano.

Ante esta situación, os deputados de Galicia En Común denuncian que “esta decisión incumpre os compromisos adquiridos coa plantilla do estaleiro vigués, e, pola contra, aposta, por continuar coa grave desindustrialización de Vigo e da súa comarca, cando, ademais, existen empresas interesadas en continuar coa actividade industrial nos terreos que ata agora ocupaba Factorías Vulcano, unha operación que se poría en risco coa cancelación desta concesión”.

Por este motivo, desde Galicia En Común pregúntase ao Goberno sobre cal será o uso e destino destes terreos unha vez finalice o proceso de liquidación do estaleiro vigués e se resolva o expediente aberto pola Autoridade Portuaria para o fin da concesión.

Finalmente, os parlamentarios galegos interpelan ao Executivo tamén para coñecer se a Administración está a traballar para manter o uso industrial e de construcción naval para estes terreos ou se pola contra contempla a posibilidade de cambiar o uso dos mesmos.