Galicia en Común denuncia a situación das teleoperadoras e reitera a necesidade da derogación da reforma laboral

Audio: https://bit.ly/2MujOv3

Madrid, 18 de outubro de 2019. A voceira de Galicia en Común, Yolanda Díaz, mantivo unha xuntanza este venres coas delegadas sindicais do sector das teleoperadoras para abordar a problemática destas traballadoras.

«O problema ten que ver coa non derogación da reforma laboral que está permitindo a explotación destas traballadoras e coa cadea de subcontratación. As traballadoras poden ter ata 4 ou 5 convenios distintos. Esto está permitido pola reforma laboral», denunciou a deputada, lembrando que «o 10 de novembro, xogámonos a derogación da reforma laboral, que non é algo valadí».

Pola súa banda, Lucía Trenor, traballadora de Teleperformance e secretaria xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia, sinalou que a principal problemática en empresas como R calbe e Euskaltel «é unha serie de reestruturacións, pero non sabemos que queren facer cos nosos empregos».

Esta situación afecta a máis de 1.200 persoas en Galicia, por exemplo no propio sector de telemarketing.

A deputada e a traballadora denunciaron a deslocalización, porque estas multinacionais «recibiron cartos das galegas/os e agora levan de aquí a empresa», denunciaron.

«Hai un problema neste país que se chama ‘non meter man ás multinacionais’. Somos o único país que non ten lexislado sobre as deslocalizacións, a pesar de que nós fomos o único grupo que presentou unha Lei para evitalo», sinalou Díaz, que lembrou que se a Proposición de Lei deste grupo estivera en vigor, R tería que devolver todos os cartos públicos recibidos.

«Estamos diante dun país e gobernos que non exercen a súa soberanía. Damos as grazas aos traballadores e traballadoras, toda a solidaridade coa súa loita e seguiremos presentando iniciativas nas Cortes para abordar estas cuestións», concluiu a deputada.

Para finalizar, destacou o pilar do ‘big data’ e condenou que as deslocalizacións tamén implica que os datos bancarios, tarxetas sanitarias, datos persoais, e demais información da cidadanía tamén «está nas súas mans» e trátase «en terceiros países».