Galicia en Común denuncia desde Rande a grave situación medioambiental das rías galegas

«A industria debe facer unha transición ecolóxica xusta, e debe facela coa xente dentro, sen que se perda un só posto de traballo». Ángela Rodríguez-Pam

Redondela, 8 de novembro de 2019. As candidatas de Galicia En Común, Ángela Rodríguez-Pam, Verónica Hermida e Mariquiña Lores mantiveron unha xuntaza coa veciñanza de Chapela e Redondela, para recoller as demandas da cidadanía, que denuncian a situación de agresión medioambiental absoluta que vive a zona de Rande.

Ao remate da xuntanza, Ángela Rodríguez-Pam denunciou a falta de traballo medioambiental na Ria de Vigo, da que viven máis de 1.500 traballadores directos, dos sectores da pesca e do marisqueo principalemente, actividades que se están a por en risco pola falta de control nos verquidos ao mar. A candidata de Galicia En Común denunciou os graves problemas que están a dar as depuradoras nas rías de Vigo e Pontevedra e salientou a necesidade de ter depuradoras de proximidade en lugar de macro instalacións.

Así mesmo, manifestou a necesidade de considerar o solo industrial da zona como chan industrial de especial protección, algo que ata o de agora non se fixo, con connivencia da administración da Xunta de Galicia e da do Goberno central entre PP e PSOE, e “isto ten consecuencias directas na calidade de vida da veciñanza, polos cheiros ou por que non se está a protexer un patrimonio natural e cultural que hai na zona, como o entorno do Museode Interpretación da Batalla de Rande no que nos atopamos”, e “esta situación ten que ser revertida”, xa que cada vez “temos máis xente nova que non se pode quedar a traballar nesta zona porque non hai postos de traballo”.

Finalmente, a candidata de Galicia En Común ao Congreso denunciou que “precisamos ser moi serias cos investimentos que hai que facer desde o Estado, para conservar a industria que temos no noso país. Vemos cada día a destrucción de postos de traballo indsutriais, hai que conservalos de forma seria. A industria debe facer unha transición ecolóxica xusta, e debe facela coa xente dentro, sen que se perda nin un só posto de traballo. Nós sempre apoiaremos os nosos sectores productivos e o faremos sempres que sexa necesario poñendo o noso corpo na defensa das traballadoras e dos traballadores.