O Goberno confirmou á formación que nin a Xunta nin Ence propuxeron unha nova localización para a planta
Galicia en Común preguntou ao Goberno pola tramitación por parte da Xunta de Galicia de licenzas para a realización de obras de mellora na planta de ENCE a pesar das tres sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a concesión para operar na Ría de Pontevedra.
A empresa comprometeuse a realizar estas obras no 2016 no marco da concesión da prórroga ata 2073 outorgada polo Goberno de Mariano Rajoy, tendo dous anos para levalas a cabo, con todo, nunca se executaron. De feito, antes das sentenzas da Audiencia Nacional, nun comunicado a empresa asegurara que só se acometerían as melloras de poder continuar funcionando todos eses anos. Galicia en Común criticou que ademais de ser unha prórroga ilegal, a propia Ence non cumpriu no seu momento os propios termos da concesión.
“A Xunta permite a Ence facer e desfacer ao seu antollo porque os intereses son compartidos”, sinalou Gómez Reino. Nestes momentos, o Goberno galego está a tramitar con normalidade as solicitudes de licenza para executar as supostas melloras ambientais que a entidade prometeu coa conivencia do goberno de Alberto Núñez Feijóo.
De feito, o Goberno estatal confirmou a Galicia en Común que non recibiu ningunha proposta de ENCE nin da Xunta de Galicia para propoñer un cambio de localización da pasteira. “Os órganos xudiciais anularon a concesión de Ence e mesmo a condenaron por delito ambiental. O seu propio presidente chegou a dicir que a súa actividade podería causar un “susto medioambiental maiúsculo” e nas persoas. A falta de respecto polas sentenzas xudiciais non están á altura dunha institución como a Xunta de Galicia. Feijóo o que ten que facer é buscar unha nova ubicación para Ence e deixar de tratar de burlar a legalidade mediante artimañas que non van a ningures”.
Galicia en Común suma varias iniciativas rexistradas no Goberno, unha delas pregunta ao Ministerio se finalmente se realizou algún tipo de inspección da caldeira de recuperación da planta ou se a propia fábrica tomou medidas para garantir a seguridade ambiental e a saúde pública. “Avergóñanos que Feijóo faga á Xunta de Galicia partícipe nun xogo de trileiros”, alegou Gómez Reino.