Galicia en Común denuncia o silencio da Xunta e do Ministerio, que están deixando caer Vulcano

Vigo, 9 de setembro de 2019. A voceira de Galicia en Común, Yolanda Díaz, participou este luns na concentración de delegados do metal de CCOO diante do edificio da Xunta en Vigo para esixir solucións sobre VULCANO.

«Dende a Xunta e o Ministerio non están facendo nada.Deixar caer Vulcano sería un drama, é un símbolo da economía de Vigo e de Galicia», denunciou Díaz, que insistiu en que «presentamos moitas iniciativas no Congreso sobre esta cuestión».

A deputada incidiu en que o sector naval «é estratéxico» para a economía galega, e estamos diante «dunha morte anunciada» porque sabemos de primeira man cal é a situación, xa que «levamos meses traballando co Comité de Empresa para reverter a situación en Vulcano».

Ante esta situación, a voceira mostrou a súa dúbida sobre se o sector naval é estratéxico para os gobernantes españois e galegos.

«Van deixar caer un estaleiro chave para a economía do país ou imos defender a economía produtiva?», preguntouse Yolanda Díaz, que sinalou que é «triste» ver como todos os países defenden os seus sectores produtivos e aquí non facemos nada.

O voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, denunciou o «silencio inoperante» da Xunta, «que debe levar a cabo solucións».

«Hai que clarificar a posición do Porto de Vigo sobre Vulcano. Non é un tema menor, houbo globo sonda por parte de Autoridade Portuaria para un uso relacionado coa loxística portuaria deses terreos, sería unha parte importante da solución», afirmou.

Pola súa banda, Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO en Galicia, recalcou que a caída de Vulcano, ademais de afectar directamente aos traballadores, constataría que non hai alternativa industrial en Vigo.

«Hai que protexer a actividade de Vulcano, hai que recabar traballos para atraer a un inversor. Pensamos que pode haber algunha opción no curto e medio prazo», incidiu.