Galicia en Común denuncia o xogo irresponsable e electoralista do Goberno coas entregas a conta

«O Sistema de Finaciamento Autonómico precisa reformas, estamos ante un caduco, con problemas estruturais e conxunturais que ten que ser correxido en termos de soberanía e xustiza fiscal», sinalou Antón Gómez-Reino, que resaltou en numerosas ocasións que «non vale o mesmo financiar un servizo público en Madrid que no Courel ou en Fisterra».

Madrid, 22 de outubro de 2019. O deputado e candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, interveu este martes na Deputación Permanente para denunciar o «xogo irresponsable e electoralista do Goberno coas entregas a conta».

«O Goberno xogou, como sempre fixo o bipartidismo, de forma irresponsable e electoralista co diñeiro de todos e todas», denunciou o deputado no debate do Real Decreto–lei 13/2019 polo que se regula a actualización extraordinaria das entregas a conta para o ano 2019.

Gómez-Reino insistiu en que o Goberno actuou «faltando á verdade, cunha enorme irresponsabilidad e cun lastimoso e clamoroso partidismo e centralismo».

«Están empregando o ministerio de Facenda do mesmo xeito que fixera Montoro, como un dispositivo de partido. Nisto, Montoro e Montero foron iguais», denunciou o deputado.

Sobre as propias entregas a conta, o deputado resaltou que estamos ante un financiamento autonomico «caduco».

«Naceu no ano 2009 e tiña que ser revisado en 2014. Non se deu esta revisión e leva polo tanto 6 anos sen revisar. Aquí está a primeira responsabilidade: o partido que gobernaba no ano 2014 con maioría absoluta, cando se tiña que abordar a reforma era o PP, e a pesar disto non fixo absolutamente nada para unha reforma que evitase estes problemas e anomalías», incidiu.

No problema de fondo, o deputado resaltou que o sistema de financiación autonómica ten unha elevada insuficiencia dado que, como todo o mundo sabe, «os recursos que reciben as CCAA non están ao nivel dos compromisos que teñen».

«No modelo descentralizado do Estado español a maioría das prestaciones fundamentais están transferidas ás Comunidades Autónomas: sanidade, educación, protección social, e polo tanto se o Estado afoga ás CCAA, afoga os recursos públicos básicos que reciben os cidadáns».

«A suficiencia do sistema necesita asumir a soberanía fiscal e o autogoberno ou o goberno compartido. É necesario mellor a soberanía fiscal para que os territorios teñan capacidade de intervención, con dereitos, obrigas e deberes nas prestacións fundamentais», sinalou.

Ante esta situación, precisamente as entregas a conta fan un sistema inxusto noque un Goberno decide unilateralmente cales van ser os ingresos das Comunidades Autónomas, e obrigalas a facer orzamentos ao amparo dunhas estimacións que nacen no Ministerio de Facenda (deixando ao amparo do signo político do Goberno Central).

«Un Estado onde as CCAA teñen un papel relevante, implica necesariamente que este tipo de decisións se teñan que levar a cabo en órganos de colaboración e cooperación, e no caso español existe o Consello de Política Fiscal e Financeira que é onde debe residir esa soberanía e capacidade para decidir, para facer as estimacións pertinentes de cales van ser os ingresos e polo tanto cales teñen que ser as cantidades que teñen que recibir as CCAA», resaltou o deputado.

Esta situación serviría, entre outras cousas, «para acabar cunha práctica do Goberno central do PP-PSOE de facer unha infravaloración sistemática na estimación dos ingresos previstos».

«Todos os anos o Goberno central anticipa unhas cantidades que se sitúan sempre moi por baixo do que logo é a realidade. En que se traduce isto? En que as CCAA teñen que facer os seus Orzamentos cunha previsión de nivel de ingresos baixo, o que obriga (ou axuda a xustificar) os recortes nos elementos fundamentais do sistema de benestar», denunciou.

Gómez-Reino concluiu por tanto que o sistema de funcionamento é deficiente e está deseñado baixo dous eixes perniciosos: «de forma centralista e deseñado para ir afogando e recortando por vía austericida o estado do benestar».

«A liquidación ten que ser máis rápida, máis xusta e equilibrada: combater o federalismo fiscal ademais de ser un erro ideolóxico é un erro político e de gobernanza pois ten severas consecuencias para o día a día da cidadanía», concluiu o deputado, que resaltou en numerables ocasións as diferencias entre CCAA e puxo como exemplo que «non vale o mesmo financiar un servizo público en Madrid que no Courel ou en Fisterra».

«O Sistema de Finaciamento Autonómico precisa reformas, estamos ante un caduco, con problemas estruturais e conxunturais que ten que ser correxido en termos de soberanía e xustiza fiscal», concluiu.