Galicia en Común denuncia que a axuda millonaria da Xunta a Abanca para a instalación de caixeiros atenta contra a Lei da Competencia

O portavoz da formación no Congreso dos Deputados, Antón Gómez Reino, alerta sobre a posición de monopolio da entidade venezolana impulsada por Alberto Núñez Feijóo en comarcas enteiras de Galicia

Galicia en Común, a través do seu portavoz Antón Gómez Reino, solicitou á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) un informe sobre o cumprimento da normativa vixente da axuda pública concedida pola Xunta de Galicia a Abanca para a instalación de caixeiros automáticos nos concellos que non contan con servizos financeiros, entre eles os que están a sufrir os peches de oficinas bancarias pola propia entidade.

Segundo Gómez Reino, esta axuda podería atentar contra as leis da competencia, que tratan de garantir o correcto funcionamento dos mercados e a protección dos consumidores ante potenciais abusos por parte das empresas. “É obrigación das administracións públicas garantir a accesibilidade aos servizos bancarios de toda a poboación, pero iso ten que facerse cumprindo coas leis de competencia, non promovendo o monopolio dunha entidade privada en comarcas rurais enteiras.”

A reestruturación do sector durante a última década, coa desaparición e fusión de entidades financeiras, deixou en mans dunhas poucas grandes compañías a maior parte do mercado de depósitos e créditos. Xa antes das últimas fusións (Caixabank-Bankia e Unicaja-Liberbank), os cinco principais bancos controlaban o 67% do negocio, moi por encima da media europea. 

Na actualidade, catro entidades, Caixabank, Santander, BBVA e Banco Sabadell, concentran o 75% do mercado de préstamos. A pesar diso, o Banco de España indicou que non percibe un risco de oligopolio a nivel estatal, aínda que, segundo diversos expertos, isto si está a suceder a nivel municipal, comarcal, provincial e mesmo autonómico. É o caso de Galicia, onde Abanca acapara unha cota de mercado superior ao 40%, segundo a propia empresa, actuando como a única entidade que presta servizos presenciais en moitos municipios e comarcas.

“Non se poden aproveitar as desgrazas e necesidades da xente para beneficiar a unha corporación privada. A cidadanía debe poder elixir a empresa á que contrata os seus servizos. Hai outras vías para apoiar ao rural sen atar á veciñanza aos designios dunha entidade concreta. Hai que acabar co capitalismo de amiguetes que é a marca indeleble dos gobernos do PP en Galicia e en España.”

Para Gómez Reino, esta situación non fai senón reincidir no desatino das políticas financeiras do goberno popular na Xunta de Galicia, que favoreceron a entidades privadas por diante do interese xeral: “Feijóo forzou a fusión das caixas galegas, o que resultou un desastre. Despois desembolsáronse máis de 9.000 millóns de euros de diñeiro público para sanear o que quedaba e darllo a Escotet. Abanca mantén beneficios multimillonarios mentres pecha oficinas no rural e na periferia das cidades, e agora Feijóo volve darlle diñeiro público mentres blinda o monopolio desta entidade en Galicia».