Gómez Reino: “A finalización das restriccións á mobilidade tras o Estado de Alarma non levou consigo a volta á normalidade na prestación destes servizos por parte de Renfe”
“Cancelar frecuencias que son usadas para o desenvolvemento da actividade profesional supón poñer trabas a economía e iso non nolo podemos permitir nestes momentos de crise”
Madrid, 10 de setembro de 2020.- O Grupo Parlamentario de Galicia en Común no Congreso vén de rexistrar unha Proposición non de lei para que RENFE restitúa os servizos ferroviarios que viñan operando de maneira habitual en Galicia antes da pandemia da Covid 19.
O voceiro do grupo, Antón Gómez Reino, sinalou a importancia que ten esta proposición “nun mes no que está prevista a volta ás aulas do estudantado universitario e a mobilidade dentro do noso territorio vai recuperando a normalidade”. Nese sentido apuntou que “non parece moi sensato nestes momentos de crise económica cancelar frecuencias que son utilizadas para o desenvolvemento da actividade profesional”.
Dende Galicia en Común lémbrase que a mobilidade dentro do territorio galego é moi elevada durante todo o ano, tanto por parte de profesionais que cambian de cidade de maneira diaria como do propio estudantado que adoita marchar ás súas vilas de orixe as fins de semana; unha mobilidade que, segundo recolle a PNL, “é ademais moito menos contaminante que o transporte por estrada, ao que se suma un menor consumo enerxético”.
A finais de agosto eran 19 os servizos que aínda seguían sen recuperarse, isto é, os 4 que unen A Coruña e Vigo; 2 entre a cidade herculina e a capital das Burgas; 3 entre A Coruña e Ferrol; un entre A Coruña, Ferrol e Monforte e 4 entre Vigo, Ourense e Monforte. Ademais, entre os servizos de larga distancia, seguen ser restablecerse, cando menos, un servizo de conexión con Barcelona e 3 con Madrid, ademáis dos dous servizos de tren hotel que unían o país con estas dúas cidades.
Aquí podes descargar a PNL completa