Galicia en Común esixe explicacións ao Goberno ante a incertidume xerada polo estatuto da industria electrointensiva

A voceira da formación, Yolanda Díaz, vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso para que o Executivo aclare as dúbidas arredor dun proxecto que foi cualificado como “insuficiente”.

Madrid, 31 de xullo de 2019. O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos – En Comú Podem – Galicia En Común vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso dos Deputados para esixir que o Goberno dea explicacións ante a incertidume xerada polo proxecto de Real Decreto do Estatuto de Consumidores Electrointensivos, presentado o pasado mes de abril. A voceira de Galicia en Común, Yolanda Díaz, lembra no escrito que este proxecto xa foi cualificado como “insuficiente para asegurar a competitividade da industria electrointensiva de España fronte á de países como Francia ou Alemaña”.

Do mesmo xeito, Díaz apunta que esta crítica “foi compartida tanto polas organizacións sindicais como pola patronal do sector AEGE, que sinala que a repercusión será unha rebaixa de aproximadamente 2 €/ Mwh, mentres o diferencial do prezo da enerxía con Francia e Alemaña é de 25 e 20 €/ MWh respectivamente”. Así, recalca que tanto a AEGE como a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), “poñen en dúbida a seguridade xurídica do proxecto, e no caso da CNMC, ademais cuestiona a viabilidade económica do mesmo no marco regulatorio e orzamentario actuais”.

“Desde entón, a pesar da situación incerta para centenares de postos de traballo no caso de Alcoa e para a viabilidade económica da industria electrointensiva en España, só temos silencio e promesas de campaña electoral”, sinala Yolanda Díaz, quen engade que “é imprescindible” que o Goberno informe sobre a situación actual do proxecto.

Por estas razóns, Galicia en Común demanda coñecer cal é o estado de tramitación do Real Decreto e o calendario para a implantación das medidas que contén; cales son as modificacións introducidas ante os problemas do prezo da enerxía e da falta de seguridade xurídica; que cambios se realizaron para garantir a viabilidade económica das axudas á industria electrointensiva; e en que estado de tramitación se atopan as medidas previstas para cumprir a promesa electoral de ampliar a 200 M€ as compensacións por emisións de CO2.

DOCUMENTO. Pregunta escrita estatuto industria electrointensiva