O día 18 de xuño, as traballadoras do sector estarán mobilizándose diante do Congreso, onde contarán co apoio de Galicia En Común.
Audio: https://bit.ly/2I5dV53
A Coruña, 10 de xuño de 2019. A voceira de Galicia En Común, Yolanda Díaz, mantivo unha xuntanza no CHUAC coa Plataforma de Técnicos Sanitarios para coñecer as súas demandas e trasladalas ao Congreso dos Deputados.
«Na pasada lexislatura xa levamos á comisión de sanidade este debate. O noso grupo pedía xustamente o que defende a plataforma, avanzar cara o grupo C1 e derogar a disposición adicional 3º», asegurou Díaz, que avanzou que seguirán trasladando este demanda ao Congreso.
«O Goberno debe ser coherente e cumprir cos compromisos que tiña acadados na anterior lexislatura. Empezaremos a traballar para que esta loita sexa efectiva. Non é normal que perviva o espíritu de ser o auxilio doutras profesións», sinalou a deputada.
As técnicas mostraron os datos da súa precariedade: «Non temos o recoñecemento profesional que nos merecemos e estamos cobrando 300€ menos. Formaron xente ben cualificada pero non se paga esta cualificación, o que é man de obra barata», denunciou Susana Rivera, coordinadora da plataforma de Técnicos Sanitarios.
Pola súa banda, a deputada sinalou o «chamativo» de que non se coide a formación profesional de calidade.
«As técnicas son fundamentais na sanidade pública e están asoladas pola precariedade. É un colectivo feminizado, se fose ao revés a asimilación de grupo seguro que a terían», insistiu Díaz.
Ante esta situación, calificou de «urxente» a equiparación dos grupos técnicos ao espacio europeo, unha regulación na que España leva anos de retraso.