Galicia en Común esixe un Goberno de coalición «como demanda a cidadanía»

O deputado Antón Gómez-Reino esixiu tamén que se poña en funcionamento o Congreso e se faga control ao Goberno.

«Este Executivo ten que solventar moitas cuestións fundamentais para a cidadanía galega, a súa inacción puxo en risco a solución para Alcoa».

Audio: https://bit.ly/2YIzNt8

Santiago, 8 de xullo de 2019. O deputado de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, resaltou este luns en rolda de prensa que «entramos nunha conta atrás para a investidura».

«Estamos vendo como Sánchez non está facendo os deberes. A sociedade puxo sobre a mesa a posibilidade dun Goberno de coalición, algo que é normal nos países europeos. É necesario entenderse democráticamente entre as diferentes forzas para construír un Goberno plural e de coalición, como pide a cidadanía», insistiu o deputado.

Gómez-Reino lembrou a vintena de gobernos na UE que son de coalición e os resultados do CIS, onde a maior parte da cidadanía aposta por un Goberno de coalición, especialmente con Unidas Podemos.

Pola contra, o PSOE «leva dous meses mirando cara Cs, cando a súa militancia, na noite electoral dixo claramente que con Rivera non».

AXENDA GALEGA

Gómez-Reino insistiu en que o Goberno ten que solventar «moitas cuestións fundamentais para a cidadanía galega» e Galicia en Común estará puxando para que se cumpran.

Ademais, denunciou que «a inacción do Goberno puxo en risco a solución para Alcoa. Precisamos un Goberno que saque adiante a subasta do Estatuto para garantir os postos de traballo na Industria electrointensiva».

O deputado tamén denunciou que o Goberno leve dous meses gobernando sen control. «Estamos ante algo anómalo. Non pasou noutras lexislaturas, non temos nin as comisión nin a Deputación Permanente constituída. Nós seguimos presentando iniciativas, como a da intermodal da Coruña ou a petición de retirar as condecoracións a un militar brasileiro que defendeu a ditadura».

«É fundamental que se convoque a Deputación Permanente, que se poñan en funcionamento os órganos da cámara, que se faga control ao Goberno e que Sánchez faga o seu traballo. Nós estamos flexibilizando a nosa posición dende hai meses. Agardamos que se reunan os equipos negociadores para chegar a un Goberno canto antes», insistiu o deputado, que resaltou que «ameazar con eleccións é irresponsable».

«Temos a man tendida, e a coalición é única salida», concluiu o deputado.