Yolanda Diaz, xunto con Marcos Cal e Paula Quinteiro, denunciaron o incumprimento da normativa europea no dragado das rías e pediron medidas urxentes.
Audio:https://bit.ly/320bYig
Vilagarcía, 28 de xuño de 2019. A voceira de Galicia En Común no Congreso, Yolanda Díaz, xunto cos deputados no Parlamento, Marcos Cal e Paula Quinteiro, denunciaron este venres a irreponsabilidade da Xunta polo feito de ter plantexado depositar os lodos na Ría de Arousa.
«A Xunta nun primeiro momento quería despositar os lodos en Tambo, máis as cofradías denunciaron esta proposta. A Xunta decidiu trasladar os lodos a Arousa», denunciaron os deputados.
Díaz lembrou que xa se presentaron varias iniciativas no Congreso pero seguiremos levando esta cuestión para pedirlle ao Goberno central que interveña e impida o depósito de lodos.
«Arousa é unha das rías más produtivas do mundo, ten unha gran riqueza. É unha xoia que temos que coidar e defender. O PP colócase ao carón das vellas políticas, das políticas agresivas ambientalmente. Aínda non sabemos a composición dos lodos, por iso queremos coñecer no Congreso, mediante a elaboración dun informe, o estado do punto do verquido e posibles afección na Ría de Arousa e Illas Atlánticas», denunciou Díaz.
Pola súa banda, o deputado Marcos Cal incidiu en que «non se pode agochar o lixo debaixo da alfombra» polo que «teñen que rematar con estas prácticas que nos levan a unha situación de crise medio ambiental».
«O dragado da Ría como plantexa a Xunta non se pode facer, precisamos un estudo da situación e do tipo de lodos. Precisamos un informe que fale das consecuencias», engadiu Cal, que lembrou que levaron unha inicativa ao Parlamento e foi aprobada para instar á busca dunha alternativa sustentable para que non afecte ás rías galegas.
O texto aprobado insta ao Parlamento Galego a «demandar da Xunta de Galicia a elaboración, conforme á normativa vixente e ás directrices existentes a respecto deste tipo de actuacións, dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito dos lodos procedentes do dragado do Lérez, de tal forma que se garanta que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, nomeadamente a ría de Arousa”.
Pola súa banda, a deputada Paula Quinteiro resaltou que a oposición a esta iniciativa «é unánime» e está en contra «o sector do mar, ecoloxistas e colectivos sociais», insistiu.
«Non sabemos se hai vontade. De facelo sería unha catástrofe económica e medio ambiental. Moitas familias dependen do marisqueo», afirmou a deputada.