Galicia en Común esixe vincular calqueira nova axuda pública a Barreras ao pago das débedas á industria auxiliar e a garantía de entrada pública no Consello de Administración

Vigo, 28 de novembro de 2020.- Antón Gómez Reino, deputado de Galicia en Común Congreso considera que é “unha burla e unha evidente improvisación e falla de capacidade de xestión” que os novos donos do asteleiro recurran de novo á inxección de cartos públicos sen solucións de futuro industrial. 

O portavoz pide que cada euro público que se inxecte no asteleiro sexa para condicionar a entrada do sector público no accionariado, preferiblemente a SEPI, e traballar de xeito decidido na renacionalización do asteleiro privatizado no ano 1997.

Os cambios accionariais na empresa teñen sido nos últimos anos unha sucesiva cadena de incertas propostas de futuro do asteleiro; dende recalificar os terreos para uso inmobiliario, consagrar a entrada de Pemex, ter un capital social de apenas 12 millóns de euros en época de ampla carga de traballo con facturacións de máis de 300 millóns, e máis recentemente coa de Ritz Carlton para condicionar o remate do barco actualmente en construcción da cadea. 

Galicia en Común considera esencial que “calqueira nova inxección de recursos públicos ou mecanismos como acudir de novo a a quitas de débeda contraída do asteleiro coas industrias auxiliares ten que conlevar a entrada da Xunta e o goberno central no accionariado e, polo tanto, no control público nos consellos de administración no asteleiro Barreras”.