Galicia en Común fará unha campaña plural con numerosos convidados e convidadas 

Audio: https://bit.ly/2pV4Vsw

A Coruña, 25 de outubro de 2019. Galicia en Común avanzou este venres parte do calendario da campaña electoral para as vindeiras eleccións do 10 de novembro nun encontro das candidatas e candidatos nas que estaba Antón Gómez-Reino, Yolanda Díaz, David Bruzos, Vanessa Somoza, Loreto Taibo e Ángela Rodríguez.

«Como facemos sempre, mantivemos xuntanzas e encontros con diversos colectivos, como seguiremos facendo, para recoller demandas e presentar as nosas propostas. Ademais, a esta campaña virán acompañarnos compañeiros como Pablo Iglesias, que estará na Coruña o domingo 3, Xavi Domenech, que estará en Compostela o 2 de novembro, eurodiputadas como Sira Rego e Maria Eugenia R. Palop, ademais de Marcelo Expósito, Enrique Santiago ou diversos catedráticos e expertos en dereito traballo», explicou o deputado Antón Gómez-Reino.

Os candidatos lembraron que o lema de campaña é «Conta con nós», que «sintetiza moi ben o noso percorrido político nestes anos, participando de forma activa no ámbito lexislativo e levando ao Congreso as demandas das galegas/os».

«Temos unhas alianzas fortes en Galicia e no Estado para construír un Goberno de esquerdas coa participación de Galicia en Común e Unidas Podemos», sinalou o deputado.