Galicia en Común incorpora achegas á nova lei de cambio climático para urxir á transición verde como piar de futuro

“Temos o desafío colectivo de loitar contra a emerxencia climática. A transición ecolóxica será un piar fundamental na reconstrucción verde do noso país tras da pandemia que vivimos”, 

As achegas feitas polo grupo confederal ao texto normativo tradúcense en menos emisións, prohibición do aproveitamentos dos minerais radioactivos, protección da biodioversidade  e pulo a mobilidade sostible e Axenda 2030

Madrid, 26 de outubro.-  As achegas de Galicia en Común á nova Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética feitas no marco do grupo confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común tradúcense en melloras substancias do texto normativo para urxir á reducción das porcentaxes de emisións contaminantes e dar pulo á mobilidade sustentable como alternativa aos combustibles fósiles, para avanzar axiña e con determinación cara o reto imprescindible da transición verde que coide do futuro do planeta. 

O pasado sábado 24 de outubro conmemorouse o Día Internacional Contra o Cambio Climático. Con gallo desta data relevante nun contexto apremiante como o que vivimos, con síntomas innegables da precaria saúde na Terra, cómpre sinalar as achegas e propostas realizadas desde a nosa formación para mellorar a lei e introducir obxectivos máis ambiciosos para unha transición verde e xusta e que son froito dun traballo minucioso e de meses con distintos colectivos ambientais do país. 

“A nova Lei contra o cambio climático debe estar á altura da emerxencia climática que vivimos”, manifestou o deputado e voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino. “A declaración da emerxencia climática e a aprobación do anteproxecto de Lei de Cambio Climático do Goberno de coalición foi un primeiro paso fundamental, pero tocanos agora seguir avanzando por este camiño cara o cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030”, reflexionou. 

As emendas introducidas por Unidas Podemos no texto normativo implican un incremento das porcentaxes que forzan a redución das emisións contaminantes á atmósfera, que no caso dos gases de efecto invernadoiro elévanse do 20 ao 23%; incorporar unha porcentaxe de enerxía renovable no consumo final -pasa do 35 ao 42%- ; así como establecer a prohibición da investigación e aproveitamento de minerais radioactivos como el uranio, arquivando calquera trámite relacionado coa súa instalación que estivera en marcha.

Ademáis, inclúense as novas obrigas das Administracións Públicas na loita contra o cambio climático, como a promoción da mobilidade sostible, a mellora da capacidade dos sumidoiros de carbono e a protección dos ecosistemas naturais coa obriga de actualizar os  catálogos e atlas cada cinco anos cunha análise específica. 

Por último, as achegas feitas polo grupo confederal instan a Administración Xeral do Estado a incluír nos contratos claúsulas que primen os alimentos frescos e de tempada con ciclos curtos de distribución e a necesidade de que a loita contra á emerxencia climática sexa un principio clave da cooperación de España con outros Estados. 

“Temos o desafío colectivo de loitar contra a emerxencia climática con medidas determinadas e eficaces. A transición ecolóxica será un piar fundamental na reconstrucción do noso país para sentar as bases do futuro, particularmente logo dunha pandemia como a que estamos a soportar”, conclúe Gómez Reino.