Galicia En Común insta á modificación urxente da orde da subasta de interrumpibilidade

Yolanda Díaz denunciou o deserto industrial no que se está convertendo Galicia debido ás políticas estatais dos últimos anos.

Audio: https://bit.ly/2wx9Pfr

A Coruña, 31 de maio de 2019. A deputada de Galicia En Común, Yolanda Díaz, presentou esta mañá, xunto ao enxeñeiro José Bembibre, as primeiras iniciativas rexistradas nesta recén inaugurada XIII Lexislatura no Congreso dos Deputados. As primeiras Proposicións non de Lei presentadas, tanto a pleno como a comisión, centran a súa atención tanto no eido industrial como no enerxético.
A deputada Yolanda Díaz denunciou que tanto os anteriores executivos como o actual Goberno en funcións están a converter a Galicia nun deserto insdustrial e lembrou que Alcoa, Ferroatlántica, Vulcano, Poligal ou Isowat son só parte dunha longa lista de empresas industriais que teñen un triste denominador común: atoparse nun proceso de peche ou co futuro seriamente ameazado.
A deputada, que mantivo unha xuntanza previa cos traballadores de ISOWAT, fixo un chamamento, nesta rolda de prensa, ao Ministerio de Industria e á titular en funcións, Reyes Maroto, xa que o vindeiro 10 de xuño remata o ERTE presentado na empresa coruñesa, e estamos ante “outra urxencia que a Ministra Reyes Maroto está desatendendo”.
Ante a situación de desmantelamento industrial que estamos a sufrir, desde Galicia En Común instamos ao Goberno á adopción de medidas urxentes de apoio ao sector industrial a través da creación, dentro da SEPI dunha estructura co capital social necesario, para acoller, de maneira temporal, empresas de sectores industriais estratéxicos, así coo a creación do consorcio público-privado España Industrial 2030, con maioría de capital público, co obxectivo principal de decidir, promover, soportar e coxestionar todas as actividades coa promoción industrial de España.
Yolanda Díaz tamén presentou as iniciativas rexistradas no Congreso dos Deputados para coñecer as previsións do Goberno con respecto a adaptación do servicio de xestión do sistema de subastas de interrumpibilidade no noso país á directiva europea, cando levamos anos de retraso para esta adaptación. A deputada denunciou que o Goberno volva aprobar unha orde de subastas, con peores condicións aínda que as anteriores, e que se publica ao día seguinte das eleccións do pasado 26M, cando a aprobación data xa do venres anterior. Yolanda Díaz esixiu, así mesmo, a remuda desta orde ministerial para impedir a catástrofe que pode levar consigo esta nova subasta para a nosa industria electrointensiva.
Galicia En Común tamén presentou no Congreso dos Deputados unha Proposición non de Lei para mudar, precisamente, “o sistema de interrumpibilidade no noso país, de xeito que o acomodemos ao que ten sido a interrumpibilidade no conxunto de Europa, que sirve como mecanismo estructural para a industria e que ofreza seguridade ao propio sistema. A única ferramenta que ten o noso país é esta subasta, en detrimento do resto de países que teñen outros sistemas que funcionan como un sistema de garantía”, destacou a deputada, quen denunciou, de novo, que “este sistema é opaco, caro, antidemocrático, e pulamos porque este sistema se faga de maneira telemática, é un desacerto absoluto facer as subastas de xeito presencial, hai que garantir prezos da enerxía na industria cunha duración temporal que permitan planificar a longo tempo”. Ante esta situación, sentenciou a deputada de Galicia En Común, “propoñemos regulamentar os prezos da enerxía industrial no noso país. Xa non hai excusas nin disculpas, o Goberno de Pedro Sánchez ten que ser capaz de enfrentarse aos que mandan neste país, que son as eléctricas”.Finalmente, o enxeñeiro José Bembibre, que acompañou a Yolanda Díaz nesta rolda de prensa, destacou que o sistema de subastas de interrumpibilidade debe ser un sistema complementario, e converterse nunha ferramenta técnica do sistema, a industria electrointensiva ten que se viable pero por outros sistemas”. E para iso, desde Galicia En Común propoñemos fixar unha tarifa regulada para a industria, a través de contratos bilaterais entre empresas xeradoras e a industria electrointensiva.