Galicia en Común lamenta que Feijoo non criticase en 2017 a reforma do IVE impulsada por Rajoy e aposta por dialogar co Goberno para devolver os 200 millóns debidos por mor da reforma do PP

Madrid, 28 de xaneiro de 2020.– O Grupo Parlamentario de Galicia en Común no Congreso aposta por dialogar co goberno para buscar unha solución á desfeita xerada polo Partido Popular en 2017 coa reforma da autoliquidación do IVE. O obxectivo é que os galegos e galegas non perdan os 200 millóns de IVE que o Estado lle debe a Galicia por mor da reforma feita polo PP de Mariano Rajoy. «O importante é que eses cartos volvan a Galicia”.

“Dende que chegamos ao goberno demostramos que somos de fiar e que estamos comprometidos coa defensa dos intereses dos galegos e galegas”, indicou o deputado Antón Gómez-Reino a quen lle sorprende “o cinismo e a deslealdade a Galicia dun Núñez Feijóo que agora se autoproclama o abanderado da reclamación do IVE ao Estado mentres o seu partido foi o responsable de que o goberno central lle deba aos galegos case 200 millóns de euros”. Nese sentido Gómez-Reino engadiu que “esa débeda ten un nome e un responsable, que é o señor Cristóbal Montoro” que no ano 2017 implementou un sistema de liquidación do IVE perxudicial para as Comunidades Autónomas. 

A Galicia en Común sorpréndelle que o presidente da Xunta só reclame o que é de todos os galegos e galegas cando non é o seu partido quen goberna no Estado. “Cando se fixo a reforma no 2017 o señor Feijoo aplaudiu, polo que chama a atención que agora queira abanderar unha cuestión xerada polo propio Partido Popular”. Sorprende máis aínda cando, ademais de crear o problema, bloquean a solución xa que o PP votou en contra da tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2019 pactados entre o Grupo Confederal e o PSOE que enmarcaban o mecanismo para a devolución dos 200 millóns á administración autonómica. 

Unha actitude de Feijoo sumisa aos intereses do PP de Casado cando tamén garda silencio en relación ao informe do Tribunal de Cuentas que sinala supostas paralizacións irregulares ordenadas entre 2014 e 2017 polo ADIF nas obras do AVE a Galicia e que provocaron sobrecustos de 438 millóns de euros que saíron dos petos de todos e todas.