Galicia en Común leva de novo ao Congreso a Comisión de Investigación do Alvia para que se faga xustiza

Na pasada lexislatura non se remataron os traballos da Comisión de investigación do Alvia polo adianto electoral, polo que Galicia en Común volta levar esta iniciativa para que se conclúa a investigación e se depuren responsabilidades.

Audiohttps://bit.ly/2lNdkfM

Comisiónhttps://gallery.mailchimp.com/31d8726200f25f71a48445ee2/files/50ab160d-4380-4cdc-96ec-fb843c939972/20190913112754473.pdf

Santiago, 13 de setembro de 2019. Os deputados no Congreso, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, así como o senador José Manuel Sande, presentaron este venres a iniciativa rexistrada no Congreso para solicitar a creación da Comisión de Investigación do Accidente do Alvia, dado que na pasada lexislatura non se remataron os traballos polo adianto electoral.

«Voltamos rexistrar a creación desta comisión para que se conclúa a investigación e se depuren responsabilidades», incidiron os deputados.

A voceira de Galicia en Común no Congreso, Yolanda Díaz, destacou que nos fixemos eco desta demanda da asociación de vítimas porque merecen facer xustiza «despois de seis anos do accidente nos que non se aboordaron as responsabilidades do que aconteceu».

Ademais, Díaz lembrou que a asociación está instando de xeito reiterado a Sánchez para que, xunto aos colectivos da sociedade civil, sexan recibidos. «Ten que escoitalas e tomar unha decisión», incidiu a deputada. 

Pola súa banda, Antón Gómez-Reino, membro da Comisión, resaltou que, a pesar de todos os atrancos, a pasada lexislatura, «púxose en marcha esta comisión e fíxose un traballo positivo».

«Levamos a comparecer a responsables políticos relevantes como José Blanco ou Ana Pastor, que durante anos esquivaran as comparecencias parlamentarias e calquer tipo de responsabilidade, e tamén tivo ocasión de falar a plataforma de vítimas», afirmou.

Pero o deputado resaltou que, a pesar de todo ese traballo, a comisión non concluíu, polo que debe rematarse.

«Sorprende que no diálogo destas semanas na Cámara, PSOE e PP parecían querer evitar que se puxera de novo en marcha a comisión, para sacar as conclusións. Por iso, agardamos que a lexislatura siga en marcha e, cando se constitúa a comisión, agardamos levar unha comparecencia máis que nos parece relavante e sacar as pertinentes conclusións», incidiu o deputado, que recordou que se debe votar a apertura desta comisión, polo que agardamos que «o PP e PSOE non a intenten bloquear, como fixeron hai tres anos».

Con esta iniciativa, os deputados lembraron que «tratamos de forma humilde de poñer sobre a mesa as reivindicacións das vítimas: que haxa xustiza e reparación dun accidente que xerou moito sufrimento, e tamén agardamos que se depuren responsabilidades politicas».

Pola súa banda, Sande incidiu en que no Senado tamén se respaldarán as medidas que se podan tomar, non só no esclarecemento da verdade, senón «tamén na investigación das infraestruturas viarias vinculadas a Galicia, algo que é fundamental».

«A plataforma de vítimas está loitando pola verdade, pola dignidade, pola xustiza e reparación, pero tamén para responder a unha cidadanía involucrada nun accidente tráxico. É fundamental darlle resposta a esas reivindicacións, que teñen un sustrato humano e social baseado na carencia de interlocución coa cidadanía, tan históricamente practicado polo bipartidismo», concluiu.