Galicia en Común mostra o seu apoio aos traballadores de Alcoa imputados por defender os seus dereitos nunha manifestación

A Coruña, 24 de setembro de 2019. Os deputados de Galicia en Común, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, xunto co deputado de Unidas Podemos, Rafa Mayoral, acudiron este martes á concentración en apoio dos traballadores de Alcoa que están sendo investigados por participar nunha manifestación onde defendían os seus dereitos laborais fronte ao Congreso dos Deputados no pasado mes de marzo.

O deputado Antón Gómez-Reino destacou que «os traballadores de Alcoa son un exemplo, na Coruña, en Galicia e en todo o Estado».

A voceira de Galicia en Común, Yolanda Díaz, citou especialmente a Juan Carlos López Corbacho, presidente do Comité de Empresa de Alcoa, que hoxe tivo que declarar por participar na manifestación en defensa dos traballadores que tivo lugar fronte ao Congreso o pasado 28 de marzo.

«Todo o mundo viu o que sucedeu no Congreso. Deuse unha situacón anómala a nivel democrático, é fundamental defender os dereitos dos traballadores e da cidadanía para defenderse diante do Congreso, que representa a soberanía popular», incidiron os deputados.

Díaz lembrou que «é unha mágoa que o artigo 315.3 do Código Penal siga vixente» porque «é unha represión e esiximos a derogación inmediata deste precepto que permite o que hoxe está pasando».

Pola súa banda, a deputada quixo facer un chamamento para o caso de Lugo «porque os traballadores de San Cibrao poden ir á rúa».

«Seguiremos defendendo os postos de traballo», incidiron os deputados de Galicia en Común, que resaltaron que a pesar destas imputacións, que afectan tamén aos deputados e á ex deputada Ángela Rodríguez, «estaremos acompañando e do lado da xente traballadora, defendendo os seus dereitos, pese a quen pese».