Galicia en Común na Pobra: «Contamos con vós para abrir paso a un goberno de esquerdas e evitar o pacto do PSOE co PP»

«Arrancamos na Pobra, queremos poñer en valor o que supón para Galicia o mar, un sector produtivo estratéxico e clave para a economía galega», destacou a deputada Yolanda Díaz.

«O lema de ‘Conta Con Nós’, quere dicir que toda a xente que traballa no mar saiba que pode contar con nós, que levaremos, como xa fixemos ata agora, as súas demandas e problemáticas ao Congreso», sinalou o deputado e candidato Antón Gómez-Reino, que saltou a importancia da pesca e das conservas na zona.

Audio: https://bit.ly/2ok5UlM

A Pobra do Caramiñal, 26 de outubro de 2019. Os candidatos e candidatas de Galicia en Común presentaron a candidatura para as vindeiras eleccións este sábado na pobra do Caramiñal, acompañados de Xose Lois Piñeiro e Charo Varela.

«Saímos con moita forza, o 10N xogámonos moito. Onte pedía Sánchez un acordo co PP, pero podemos evitalo, vai depender da forza de En Común e Unidas Podemos, podemos evitar ese pacto e abrir paso a un Goberno de esquerdas», sinalaron os candidatos. 

O candidato por A Coruña, Antón Gómez-Reino, sinalou que «é fundamental poñer sobre a mesa as problemáticas dos nosos setores produtivos, da pesca, como nós levamos en distintas iniciativas ao Congreso e ao Senado. Abordamos cuestións como as cotas de pesca, os convenios con outros países, os coeficientes redutores, as condicións e as enfermidades laborais. Seguirémolo facendo, porque para nós é crucial».

Ademais, resaltou a situación das nosas rías e da nosa costa. «Para que este sector siga sendo pioneiro no noso país e no Estado, é imprescindible contar cun Goberno progresista comprometido co medio ambiente, comprometido co coidado das rías, do noso mar e dos seus traballadores e traballadoras».

A deputada e candidata Galicia en Común destacou algunha das tarefas claves que, gobernando PP ou PSOE, non saíton adiante. 

«Por comezar, a ratifición do convenio 188 da OIT de pesca, estamos con traballadores mariñeiros, redeiras, mariscadoras, con malas condicións de traballo. É chamativo que o PSOE non teña ratifiacado, como se comprometeu, o convenio da OIT. É clave para a xente do mar e para Galicia».

Ademais, resaltaron a loita que Galicia en Común deu no Congreso para o recoñecemento das enfermidades profesionais das mulleres e homes do mar.

Entre outras cuestións, tamén destacaron as Proposicións de Lei presentadas no Congreso, que solicitaba que a xubilación anticipada non esté vencellada aos metros de eslora do buque, senón que, como no resto das tarefas profesionais, teña que ver coa penosidade do traballo. 

«Na Pobra estamos traballando para o recoñecemento das xubilacións anticipadas, sen penalización dos coeficientes redutores. Isto é importantísimo», incidiu a deputada. 

Entre outras cuestións, os candidatos tamén sinalaron cuestións a defensa da pesca tradicional e sostible e o que ten que ver coa etiquetaxe para os produtos que son sacados adiante con tarefas non agresivas. 

O 10N XOGÁMONOS UN GOBERNO DE ESQUERDAS

Gómez-Reino e Yolanda Díaz incidiron no acto que Galicia en Común sae «con moita forza» porque o 10N «xogámonos moito: un Goberno de esquerdas, ou unha coalición co PP».

«O pacto entre PP e PSOE está en marcha. Sánchez xa non é o Sánchez das primarias, é o que enviou a Bruselas a mochila austríaca, é o que non quere derogar a reforma laboral. Que non cambiará a Lei de pensións, que non ratifica o convenio 188 da OIT para que a xente do mar poda traballar en condición dignas. É o Sánchez que mira á dereita, incluso dicindo que non se pode intervir o prezo da vivenda. Dependerá da nosa forza que haxa un Goberno de esquerdas», sinalaron.

Os candidatos consideran que un reforzo de En Común e Unidas Podemos «será determinante» para conseguir grandes logros para a xente, como foi a subida do SMI.