Galicia en Común pide a Interior que constrúa un novo cuartel da Guardia Civil en Vilagarcía ante a situación de deterioro do actual

O Grupo Parlamentario quere coñecer tamén se o Plan de Infraestruturas para a Seguridade do Estado 2019-2025 contempla a perda deste servizo na localidade

Madrid, 15 de setembro de 2020.- Galicia en Común acaba de rexistrar unha pregunta na Cámara Baixa relativa a situación de grave deterioro e o posible peche do cuartel da Guardia Civil de Vilagarcía de Arousa.

O Grupo Parlamentario lembra que a veciñanza da localidade pontevedresa leva anos pedindo novas instalacións pola situación de grave deterioro na que se atopa o actual. Por iso se insta ao Ministerio de Interior a que constrúa un novo cuartel aproveitando os terreos que o Concello cedeu hai 10 anos no Piñeiriño.

“Queremos saber”, indicou o voceiro da formación, “se existe ademais unha partida de 2,8 millóns de euros para este proxecto, tal e como indicou o ano pasado e en plena campaña electoral o alcalde do municipio”. Por outra banda, Galicia en Común quere coñecer se o Plan de Infraestruturas para a Seguridade do Estado 2019-2025 contempla a perda deste servizo na vila, unificando os cuarteis de Vilagarcía e Cambados e ubicándoo nesta última localidade.

Galicia en Común pide tamén a Interior que, se esta unificación se produce, se tomen medidas para garantir a adecuada prestación do servizo a veciñanza do municipio sen que se vexa afectado o seu grao de seguridade.