Galicia en Común rexistrou unha batería de preguntas no Congreso dos Deputados sobre a falta de medios e medidas para combater os incendios en O Courel.
O deputado de Galicia en Común e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, alega que “As axudas están a tardar máis do previsto e as familias e municipios necesítanas xa. Non temos noticias sobre cando van chegar nin de que maneira e é unha información que é xusto que as persoas afectadas o saiban para o seu futuro máis próximo”.
Gómez Reino tamén denunciou que a Xunta está incumprindo a normativa europea para a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, como así informou a Comisión de Medio Ambiente. “É unha vergoña que Europa non faga máis que sinalar á Xunta por incumprir a lei e por maltratar ao patrimonio natural de Galicia. Oxalá non houbese consecuencias tan grandes como estes incendios que provocaron o desaloxo de 60 aldeas e calcinaron máis de 11.000 hectáreas, pero así é. O Goberno de Rueda e antes o de Feijóo son os culpables de que os montes estean desprotexidos e iso é algo que pagamos todas”.
Na iniciativa xa rexistrada no Congreso preguntan ao Goberno se vai obrigar á Xunta a cumprir a normativa europea para a protección de 65 zonas da Rede Natura, así como se coñece se o Goberno galego iniciou as tarefas para a protección de ladeiras, aldeas e ríos polo arrastre de terra e cinzas tras os incendios.
“Hai que reverdecer estes espazos e volver encher de vida os nosos montes e iso só pode facerse a través de políticas públicas e do consenso cos actores sociais e comunidades de veciños, que son os que realmente coñecen os bosques e poden protexelos día a día. Temos recursos para facelo, fai falta iniciativa política para o forestal, pero o PP nunca a tivo nin a terá”, apostila o deputado.