Galicia en Común pide ao Goberno un servizo de Internet de calidade para toda a poboación de Gondomar

Gómez Reino: “A fenda dixital que existe en Galicia é unha cuestión que temos que resolver o antes posible»

Galicia en Común rexistrou unha pregunta no Congreso dos Deputados a iniciativa de Antón Gómez Reino sobre a instalación da fibra óptica no municipio de Gondomar. 

Neste documento a formación fai referencia ao proxecto desenvolto por Telefónica para incorporar Internet cunha velocidade superior a 100 Mbps. No proxecto están incluídas 55 zonas brancas de Gondomar que precisan deste servizo. A data de finalización para a realización das obras estaba estipulada para o 31 de decembro de 2021. 

Sem embargo, segundo denuncia a organización veciñal Fibra Xa!, a instalación aínda non se iniciou e a empresa comezou a cobrar igualmente por un servizo que a xente non está a recibir. Ademais, tamén defende que non se garante a “igualdade de condicións” para todos os grupos de poboación, xa que hai zonas da cidade que quedaron fóra do “Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración”. 

Galicia en Común pediu no Congreso medidas para garantir que as compañías telefónicas non cobren polos servizos que non prestan, así como que se garanta a igualdade de condicións nas novas convocatorias para todas as zonas que precisen Internet. “A estas alturas o acceso de Internet nas zonas do interior non debería de resultar un problema para as persoas. A fenda dixital que existe en Galicia é unha cuestión que temos que resolver o antes posible e quedou demostrado coa chegada da pandemia”, sostivo Gómez Reino.