Galicia en Común pide ao Ministerio de Transportes que vixíe as obras de restauración de tres castros da provincia de Pontevedra

  • Antón Gómez Reino súmase á preocupación de diversas entidades culturais pola execución das obras de restauración e musealización dos castros de Alobre, A Subidá e Toiriz
  • “Cremos que se deben tomar medidas para que a empresa adxudicataria cumpra coa lexislación e restaure o patrimonio respectando a nosa cultura, dignidade e identidade”

Madrid, 30 de novembro de 2020.- Antón Gómez Reino, deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común no Congreso, vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso para que o Ministerio de Transportes vixíe as obras de restauración e musealización que se están levando a cabo nos castros de Alobre (Vilagarcía), A Subidá (Marín) e Toiriz (Silleda) e inste á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta a sancionar, se é preciso, á empresa adxudicataria das actuacións.

Trátase dun proxecto adxudicado en maio deste ano por un importe de 520.000 euros dentro do programa “Trazas de Pontevedra” asinado entre a Deputación e o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana. Tal e como sinalou o portavoz, “existe unha evidente preocupación por parte de expertos como a doutora en Prehistoria da Universidade Compostelana ou diversos colectivos culturais, sobre como se están a efectuar esas obras despois de que se fixesen públicas unhas fotografías do castro de Toiriz onde se produciron danos neste enclave e non se respectou a idiosincrasia do espazo”.

O Grupo Parlamentario de Galicia en Común pregúntalle ao Ministerio se se están a cumprir as normas e os requisitos marcados pola lexislación vixente en canto a restauración do patrimonio arqueolóxico, así como se dende o Ministerio se teñen posto en contacto coas outras administracións implicadas, como os concellos de Silleda, Marín e Vilagarcía, así como a Deputación de Pontevedra e a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Gómez Reino quere coñecer ademais por que o proxecto foi asinado por un arquitecto e non por un arqueólogo, tal e como sinala o Real Decreto 197/1997, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica de Galicia.

“Cremos que se deben tomar medidas para que a empresa adxudicataria, a murciana “Arquitectura Inteligente” cumpra coa lexislación, leve a cabo as actuacións de restauración sen danar o patrimonio e respectando a nosa cultura, dignidade e identidade”, apuntou Gómez Reino.