David Bruzos e Yolanda Díaz denunciaron a actuación do Goberno de Sánchez «que só quere derogar a reforma laboral en campaña pero nunca fai nada para loitar contra a precariedade cando está Goberno».
Audio: https://bit.ly/36eGw1N

Ourense, 28 de outubro de 2019. O candidato de Ourense, David Bruzos, e a candidata e voceira de Galicia en Común no Congreso, Yolanda Díaz, mantiveron este luns unha xuntanza con representantes das traballadoras do sector textil en Ourense, onde se atopaban traballadoras de numerosas firmas como Adolfo Dominguez, Textil Lonia, Aspol ou Autoneum, entre outras.
«Estamos ante un sector moi afectado pola reforma laboral, e o PSOE non vai derogala. É moi grave para as traballadoras, porque lles afecta directamente na precarización do emprego e no desenvolvemento da xornada laboral», sinalou Díaz, que lembrou que Galicia en Común propuxo no Congreso unha Lei de traballo corresponsable, que beneficiaría directamente a estas traballadoras para que o seu posto de traballo «se adapte á vida e non á inversa».
Segundo incidiu a deputada, esta Proposición de Lei, que non chegou a debatirse pola breve lexislatura, aborda directamente a cuestión da conciliación.
«Non podemos esquecer que hai alternativas ao modelo social precario da miseria, que agora mesmo se está a impor, e iso intentamos traballar desde o noso grupo», incidiu Díaz, resaltando que falamos dun sector que «non ten problemas económicos» e que «poden e deben mellorar as súas condicións».
Segundo explicou Bruzos, na xuntanza tamén se abordou «a cuestión das horas extras e abusos nas súas xornadas» e para iso «é clave a derogación da reforma laboral».
«Facemos un chamado a que o 10N se mobilice todo o mundo, porque estamos diante dunha situación adversa e prevese un novo plan de axuste, a nosa proposta é clarísima: o axuste ten que darse por arriba, non poden ser as traballadoras as vítimas de novo», sinalaron os candidatos.
Bruzos resaltou que estamos diante dun sector senlleiro para Ourense, pero tamén en termos económicos para Galicia e para todo o Estado.
«Falar de textil no Estado é falar de Galicia, pero estamos diante dun colectivo feminizado con condición laborais moi precarias», denunciaron.
Esta situación require dunha urxencia por parte do Goberno que, pola contra, «está máis preocupado en enviar a Bruxelas plans de axuste ou medidas como a mochila austriaca, que é especular co despedimento de todas e todas», denunciaron os deputados.