Galicia en Común pide en Vilagarcía facer «memoria» para que non teñan que chegar outras eleccións «para dignificar aos represaliados polo franquismo”

«É unha anomalía democrática a existencia da Fundación Francisco Franco, pero aínda é mais grave que siga a ter axudas e subvencións públicas. Esiximos a súa ilegalización»
Audio:
https://gallery.mailchimp.com/31d8726200f25f71a48445ee2/files/8a203004-5767-4d79-aa2b-d2c860898498/Vilagarcia_28O.m4a

Vilargarcía, 28 de outubro.- Nun espazo senlleiro como é a sede do Faiado da Memoria de Vilagarcía, as candidatas e candidatos de Galicia en Común fixeron este luns un chamado á reflexión colectiva: facer memoria do pasado, a histórica e a colectiva, pero tamén do presente como garantía de futuro ante a cita coas urnas do vindeiro 10 de novembro na procura dun Goberno de esquerdas que garanta tamén a dignidade no traballo, nas pensións, na cultura e no mar.

Nun acto moi concurrido que xirou sobre os universos da memoria e da cultura, a deputada e candidata por Pontevedra, Yolanda Díaz, sinalou que é unha grande anomalía democrática no Estado español que aínda non se ilegalizara a Fundación Francisco Franco, algo de todo inconcebible no resto de Europa.

“E máis grave é, aínda, que siga a ter axudas e subvencións públicas. Esiximos no Congreso a súa ilegalización, e presentamos unha Lei para correxir unha trampa mortal da Lei de Memoria Histórica, pedindo a anulación de todas e cada unha das condenas franquistas. Un deber que temos coas nosas loitadoras”, manifestou Díaz.

“Sería bo poder recoñecer, como país, o traballo que fixeron as loitadoras e loitadores do franquismo. É urxente crear unidadades didácticas nos colexios que socialicen, na legalidade democrática e republicana, o que foi algo grandísimo como loitar frente a un dos réximes máis atroces que tivemos, o franquismo”, propuxo a candidata, que considera unha “infamia que a maioría das ensinanzas artísticas estean fora da rede pública”.

“Trátase dunha ofensiva clara: os que mandan utilizan a cultura como arma de destrución masiva contra as clases populares, que teñen cada vez máis difícil acceder á educación e á cultura. A producción audiovisual e cinematográfica é clave para socializar a nosa lingua e a nosa cultura, e estamos nunha posición minguante debido ao escaso investimento”, reflexionou.

Pola súa banda, o deputado e candidato por A Coruña, Antón Gómez Reino, explicou algunhas das 850 propostas de de país do programa de Galicia en Común particularmente as centradas na cultura como eixo vertebrador.

“Percorremos a nosa terra levando a nosa proposta política que busca, dunha vez por todas, que a partir do 10 de novembro teñamos un Goberno de esquedas con Galicia de forma clara e presente”, manifestou Gómez Reino.

“A memoria non é simplemente pasado. Tamén e presente e a garantía de futuro. Agardamos que non teñan que chegar outras Eleccións xerais para que dunha vez por todas se restitúan a dignidade das persoas represaliadas polo fascismo e recuperemos, para toda a cidadanía, a Casa Cornide e o Pazo de Meirás”, engadiu Gómez-Reino.

No acto tamén estivo Vanesa Angustia, candidata ao Senado por Pontevedra, quen lembrou a aprobación do Estatuto do Artista na Cámara Alta na anterior lexislatura como ferramenta para garantir os dereitos de tantas e tantos, así como o impulso a tecer redes de memoria entre cidadáns e municipios que remataron en iniciativas fermosas como o Faiado da Memoria de Vilagarcía para construir coas lembranzas individuais, a colectiva.

No acto, tamén intervía Verónica Hermida, candidata ao Congreso por Pontevedra, quen lembraba a urxencia de proceder a exhumación das fosas comúns en Galicia. “O franquismo non só asasinaba senón que lles daba ás vítimas un anonimato inxusto porque a calidade da terra provoca que os restos se deterioren con facilidade”.

“O exilio cultural que provocou o franquismo fixo que se perdera a identidade do pobo, polo que é necesario restituir a memoria das vitimas e superar esa fase de identidade que está na orixe de moitos dos conflictos que vivimos hoxe en día”, reflexionou Hermida.

Acompañando as candidatas e candidatos no acto de Vilagarcía, o senador José Manuel Sande, salientou que no mandato da Marea Atlántica na Coruña déronse pasos fundamentais en memoria democrática creando unha oficina de atención as vítimas e un Consello de Memoria democrática, para o estudo, coñecemento e fin da impunidade.