O compromiso do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias é abrir unha investigación interna que depure responsabilidades
A Coruña, 4 de agosto de 2020.- O grupo parlamentario de Galicia en Común vén de poñerse en contacto co ADIF, presidido por Isabel Pardo de Vera, e co Ministerio de Transportes para pedirlles explicacións en relación aos vagóns que o administrador de infraestruturas ferroviarias volcou ao río Sil na tarde de onte.
Dende Galicia en Común trasladáronselle dúas cuestións que o grupo considera prioritarias e que tanto o ADIF como o Ministerio se comprometeron a levar a cabo á maior brevidade posible.
Por unha banda, que se retiren os convois e se repoña ambientalmente a zona, ao contar os vagóns con elementos contaminantes que danan o ecosistema fluvial; e por outro lado, que se abra unha investigación interna e se depuren responsabilidades.
O grupo parlamentario no Congreso manterase vixiante e en permanente comunicación con ambos organismos para que se cumpran os compromisos adquiridos.