Galicia en Común pide «medidas efectivas» na política migratoria porque «cada día de inacción, custa vidas»

Intervención: https://bit.ly/32diotW

Madrid, 29 de agosto de 2019. O deputado de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, esixiu este xoves no pleno do Congreso dos Deputados «medidas efectivas» na política migratoria e denunciou que «cada día de inacción, custa vidas».

«Centos de persoas afogadas no que vai de ano. Hoxe lamentamos con rabia e vergoña as 40 personas que onte morreron no Mediterráneo despois de saír de Libia», denunciou o deputado durante a comparecencia da vicepresidenta Carmen Calvo pola crise do Open Arms.

Gómez-Reino insistiu na súa comparecencia que «salvar vidas non é unha cuestión de permisos, senón unha obriga moral, ética, política e legal» e cuestionou a tardanza do Executivo en reaccionar á grave situación na que se atopaban os migrantes rescatados do Open Arms.

No debate, desmontou as mentidas da dereita e ultradereita e pediu, polo Estado do benestar e polos dereitos humanos, que «deixemos de mirar cara outro lado e construámos unha política de asilo e migratoria á altura do tempo histórico» porque «millóns de vidas e o futuro da nosa sociedade, meréceno».