Galicia en Común pide na Cámara Baixa que se dote de banda ancha ao rural galego

Gómez Reino: “Tanto a administración do Estado como tamén a Xunta de Galicia, deben poñer medidas sobre a mesa para atallar a fenda dixital no noso país”

Madrid, 24 de setembro de 2020.- O grupo parlamentario de Galicia en Común presentou hoxe unha Proposición non de Lei para instar ao goberno a desenvolver unha nova planificación para a universalización da banda ancha ultrarrápida, priorizando as actuacións en aquelas comarcas rurais con menores taxas de cobertura.

Os operadores de telecomunicacións tiñan ata o pasado 1 de xaneiro para dar cobertura de 30 Mbps ou superior a, cando menos, o 90% dos municipios de menos de 5.000 habitantes. Dende Galicia en Común enténdese que, pasada esa data, cómpre elaborar un novo plan de conectividade que consiga por fin estes obxectivos.

Segundo o IGE hai máis de 370.000 fogares no territorio galego sen ordenador e preto de 145.000 familias sen acceso a internet, unha problemática moito máis acusada en zonas rurais como os Ancares, o interior das provincias de Pontevedra e Ourense ou na Mariña de Lugo.

“Tanto a administración do Estado como tamén a Xunta de Galicia, deben poñer medidas sobre a mesa para atallar a fenda dixital no noso país”, apuntou o portavoz do grupo, Antón Gómez Reino.

Como sinalou o voceiro, “este problema saiu moito máis á luz durante o confinamento, onde as familias tiveron que teletraballar dende os seus domicilios ou as crianzas asistir a clases online, non puidendo facelo en moitos casos debido a que non teñen unha boa conexión a internet en pleno século XXI”.

O voceiro de Galicia en Común lembrou que “o Tratado de funcionamento da Unión Europea recomenda a implementación de internet de banda ancha nas zonas rurais para fixar poboación nestas zonas e diminuir a brecha entre o urbano e o rural”.