Galicia en Común pide que se aprobe a declaración de Emerxencia Climática e zona catastrófica nas áreas afectadas por lumes e inundacións

Intervención: https://youtu.be/4MeWbQlXYIY

Madrid, 17 de setembro de 2019. O deputado de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, incidiu esta tarde no pleno a urxencia en aprobar como zona catastrófica as áreas afectadas polas inundacións e os lumes das últimas semanas.

«Esta situación ten na súa orixe dous factores fundamentais, e un deles é o cambio climático. Non estamos facendo o preciso para combatelo. Esta tarde debe aprobarse, a instancias do noso grupo, a declaración de Emerxencia Climática», engadiu.

O deputado esixiu que o Consello de Ministros debe aprobar con urxencia esta declaración de zona catastrófica para todas as zonas afectadas en Galicia e outras zonas do Estado por incendios e inundacións.

«Non pode ser que veñan ao pleno do Congreso cunha medida que pertence ao executivo, aproben xa esta declaración no Consello de Ministros», denunciou o deputado, lembrando que o Goberno, pola contra, leva ao Executivo cuestións que pertencen ao lexislativo, como a aprobación e debate en sede parlamentaria da legalización da nociva planta de Reganosa na ría de Ferrol.

Gómez-Reino considera que hai dúas razóns fundamentais que están na raíz destes dramas vividos nas últimas semanas, tanto das inundacións como dos incendios.

«Hai dous eixos en común: cambio climático e a especulación urbanística», lembrando que a especulación e o incumprimento da normativa urbanística favorece as inundacións.

En España hai preto de 50.000 construcións e máis de 700.000 persoas que viven sobre cauces e zonas inundables que incumpren a normativa

A pesar desta grave situación, o PSOE negouse no pleno a aceptar as emendas do Grupo Confederal que pedían aplicar as medidas e actuacións dispostas no artigo 28 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do Plan Hidrolóxico Nacional, para a protección do dominio público hidráulico para evitar novos danos en zonas inundables provocados polas incidencias climáticas.

O deputado comezou a súa intervención lembrando o triple asasinato machista cometido en Valga: «Condeno os salvaxes asasinatos machistas en Valga. É unha vergoña que dúas das asasinadas non sexan consideradas vítimas de violencia machista».