Galicia en Común pide unha mobilización histórica para ter un Goberno valente que aposte polo naval e non deixe caer os sectores estratéxicos do país

“En Ferrolterra sabemos ben o que son as reconversións porque nunca chegaron. Precisamos dun Goberno valente que aposte polo naval. E se como en Vulcano, hai que rescatalo, se rescatan que para iso son os recursos públicos”

Ferrol, 7 novembro.- “En Ferrolterra sabemos ben o que son as reconversións industriais porque nunca chegaron. Mentíronnos. Precisamos dun Goberno valente que aposte polos nosos sectores produtivos e non os deixe caer. E se é preciso recatalos, como a Isowat ou Vulcano, aplique o articulo 128 da Constitución, e se rescatan que para iso son os recursos públicos”.

Con esta contundencia se manifestaban os deputados e candidatos de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, esta tarde na cidade naval. Foi horas despois de participar na mobilización dos traballadores e traballadoras dos estaleiros na ría de Ferrol que hoxe se botaban de novo as rúas para reclamar carga de traballo para evitar despedimentos no parón que ven vir en poucos meses cando remate a obra do último buque.

Para eles e elas foi o primeiro aplauso do acto, no que tamén se lembrou a protesta dos estudantes de Medicina da Universidade de Compostela e a loita de moitos anos do Comité Cidadá de Emerxencia contra unha planta de gas con cinco sentenzas en contra do Tribunal Supremo que nunca debeu estar dentro da ría.

O centro cultural Torrente Ballester acollía hoxe o acto central en Ferrol, no que tomaron a palabra Gómez-Reino e Yolanda Díaz, xunto con outros membros da candidatura ao Congreso e ao Senado como Loreto Taibo (número dous pola Coruña) e Suso Basterrechea (número tres ao Senado), a avogada e candidata por Madrid, Gloria Elizo como convidada, ademais das deputadas autonómicas Eva Solla e Luca Chao.

“O que dixo Ábalos do paro é particularmente vergonzoso en Ferrol. Ningúen está no paro porque teña confianza en atopar un emprego. ¿Por qué non fai o que debe e delega os recursos para que a liña de tren da Coruña a Ferrol teña os recursos que non tivo nos últimos cen anos”, preguntaba Gómez-Reino.

“Estou certo de que hai moita xente do PSOE que está a pasar moita vergoña por unha exhumación que chega 40 anos tarde e que non é un día de celebración”, subliñou o candidato pola Coruña, “debe ser un día para homenaxear aos homes e mulleres que loitaron polas liberdades. Neste país non houbo unha contenda, como se atreveu a dicir o candidato do PSOE a Presidencia en sede parlamentaria. Nesta cidade o sabedes moi ben. O que houbo foi un golpe de Estado, e 40 anos de Ditadura e de salvaxe represión”.

“Vergoña por ver como o PP pero tamén o PSOE financian as súas campaña cos cartos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) mentres se pechan empresas. Vergoña por escoitar a Ábalos [ministro en funcións] dicir que a mellor receita para a contracción que ven é a peor das receitas neoliberais”, incidía Gómez-Reino, que pedía unha mobilización histórica do voto progresista este domingo nas urnas por un Goberno de esquerdas con Galicia dentro.

“O voto a Galicia en Común este domingo vale triple: frear a dereita, facer un Goberno de esquerdas e lograr que Galicia este dentro e que a comarca de Ferrol este nese Goberno”, rematou Gómez Reino.

“Dame moita tristura ver aos mozos e mozas que traballan nos estaleiros asomarse a un baleiro. Somos unha cidade irmá de Vigo. Mentres nos dicían que rescatar a Vulcano era de comunistas, Escocia acaba de facelo cunha factoría na mesma situación. Francia, Italia con Alcoa e Alemania, salvan aos seus sectores estratéxicos. Precisamos dun Goberno valente, de esquerdas que non deixe caer aos sectores produtivos e cumpla o que promete, comezaba Díaz.

“Lonxe de estar derrotadas como nos querían na Moncloa, estamos vivas e ben vidas. A xente olfateou o que sae da Moncloa: Pedro non quere Goberno pola esquerda. Xirou a dereita económica. Non todo o PSOE: xirou Pedro Sánchez e nun alarde de soberbia, dixo que a vicepresidenta sería Nadia Calviño, unha das señoras de negro benquerida por Ana Patricia Botín e felicitada polos poderes económicos deste país”, advertía a deputada ferrolana.

“Non van a derogar a reforma laboral. Seino ben. E pretenden implantar a mochila austríaca, que abre as portas ao despedimento libre e a especulación”, manifestou Yolanda Díaz. “Un goberno de esquerdas vai depender da vosa forza, non de Pedro Sánchez. Da vosa forza para obrigalo a xirar e facer políticas que muden as vidas da xente e deroguen as leis que van contra as maiorías sociais e facer que os ricos deste país paguen impostos “porque é unha indecencia que a xente que ten pasta non pague mentres a metade das familias non chegan a fin de mes”.

“Hai que patear ate o domingo nunha mobilización histórica para encher as urnas de votos rebeldes por un Goberno de esquerdas con Galicia no centro que entenda as necesidades do noso país e desta comarca”, rematou Díaz.

Pola súa banda, Gloria Elizo, dicía: “temos que enfrontarnos co peso doutras eleccións á tensión democrática destes anos. Como di o pobo chileno: temos que mudar as cousas ata que a dignidade se faga costume”.

“Sabemos que temos que combater as políticas que nos arruínan. Queremos unha lei que vincule ás pensións ao IPC e temos que apostar por un Estado que interveña nos sectores estratéxicos para mellorar a vida da xente. Temos que demostrar que estamos en pé e combativas, sin dar un paso atrás», proclamaba Loreto Taibo, número dous pola Coruña.

Candidato ao Senado, Suso Basterrechea salientou: “hoxe máis que nunca estamos en Unidas Podemos demostrando o importante que é a unidade. Vivín moitas eleccións onde se vían moitas cousas, pero hoxe escoito á xente na porta das escolas a berrar: Franco, Franco, aínda que sexa de broma isto é terrible. Non o podemos permitir. Foi o fillo maldito desta cidade”.