Galicia en Común pídelle a Feijóo que poña fin ao “xogo de trileiros” con Ence

Gómez Reino lembrou que a propia Secretaría de Estado de Medio Ambiente insistiu na “inviabilidade xurídica” de que Ence pase a depender da Autoridade Portuaria de Marín

Galicia en Común presentou unha iniciativa parlamentaria sobre a intención do porto de Marín de adscribir a planta de Ence aos seus terreos para que a pasteira poida continuar operando na Ría de Pontevedra. 

O documento, xa rexistrado no Congreso a iniciativa do deputado Antón Gómez Reino, pregunta ao Goberno sobre estes feitos e sobre se se prevé realizar algunha actuación para garantir o cumprimento da sentenza da Audiencia Nacional. “Feijóo prefire confrontar co Estado en lugar de buscar unha nova localización para Ence” sinalou Gómez Reino. 

Galicia en Común presentou esta iniciativa por mor de que o pasado 25 de novembro a Autoridade Portuaria de Marín puxo en marcha o proceso administrativo para solicitar a adscrición da planta de Ence aos seus terreos para que a pasteira poida continuar a súa actividade, xa que non estaría sometida á Lei de Costas. De feito, esta proposta xa partiu anteriormente de varios membros da Xunta de Galicia e agora do presidente da Autoridade Portuaria, que é tamén ex cargo público do PPdeG. 

O Goberno de Feijóo sempre se negou a mudar a localización de Ence a pesar do que ditou a xustiza sobre a anulación da prórroga da concesión e o que piden continuamente as asociacións ecoloxistas e veciñais, por iso o documento de Unidas Podemos incide nos intereses políticos e económicos existentes entre a directiva de Ence e o PPdeG: 

“De feito, a Xunta de Galicia, con competencias na materia, mostrou ata o momento unha total falta de iniciativa en todo o que ten que ver co control e fiscalización da planta e as súas instalacións, dos impactos ambientais da súa actividade ou co cumprimento das reiteradas sentenzas xudiciais ata o momento por diversas razóns”, reza o texto. 

Gómez Reino lembrou que a propia Secretaría de Estado de Medio Ambiente insistiu na “inviabilidade xurídica” de que Ence pase a depender da Autoridade Portuaria de Marín. “O caso de Ence responde a unha serie de intereses económicos e políticos do Partido Popular apoiada polo presidente da Xunta de Galicia que ignora por completo os movementos sociais e as consecuencias ambientais á Ría. Estas artimañas para non acatar unha sentencia xudicial son indignas dunha institución como a Xunta de Galicia”, engadiu o deputado. “Ence sairá da Ría de Pontevedra. Estamos convencidas.”