Galicia en Común pídelle ao Ministerio de Educación que vixile se a Xunta de Galicia cumpre o protocolo de volta segura ás aulas

Gómez Reino: “Trátase dunha irresponsabilidade da Xunta de Galicia, que tivo dende o mes de marzo para deseñar unha volta ás aulas segura, desdobrando grupos e contratando profesorado»

Madrid, 11 de setembro de 2020.- O Grupo Parlamentario de Galicia en Común no Congreso vén de rexistrar unha pregunta para a súa resposta por escrito relativa á decisión da Xunta de Galicia de colocar mamparas nos centros educativos de secundaria ao non poder asegurar o mantemento da distancia de 1,5 metros aprobada o pasado 27 de agosto.

O voceiro da formación, Antón Gómez Reino, lembra que “o Ministerio de Educación aprobou un protocolo a finais de agosto que foi consensuado coas Comunidades Autónomas e adoptado en coordinación coa Conferencia Sectorial de Educación” no que se establecía esa distancia mínima entre pupitres. “Por iso nos preguntamos”, continúa Gómez Reino “se a Consellería de Educación, que dirixe dende hai poucos días o señor Román Rodríguez, lle comunicou ao Ministerio de Educación que é incapaz de manter dita distancia e cumprir co acordado”.

Dende Galicia en Común non se entenden as declaracións do pasado mércores do conselleiro, refrendadas polo propio presidente da Xunta, onde apostaban pola semipresencialidade en secundaria ao “non ser posible cumprir as distancias con ou sen mampara nos centros”.

Para Gómez Reino “trátase dunha irresponsabilidade da Xunta de Galicia, que tivo dende o mes de marzo para deseñar unha volta ás aulas segura, desdobrando grupos e contratando profesorado” e por iso “queremos saber se o Ministerio se propuxo sancionar á Consellería por non cumprir co acordado polo Consello Interterritorial e, por tanto, non ser quen de garantir a seguridade do alumnado e do profesorado”.

Podes descargar ou escoitar as declaracións de Gómez Reino aquí