Yolanda Díaz esixe ao Goberno unha solución e pregunta se ten previsto algún tipo de intervención ou mediación para que se reconsidere a decisión do Santander de seguir reducindo o seu persoal e a estrutura territorial de oficinas.
Iniciativa:
Madrid, 23 de setembro de 2019 – A voceira de Galicia en Común, Yolanda Díaz, esixiu explicacións ao Goberno en funcións sobre o peche de numerosas sucursais do Banco Santander e pola causa do plan de axuste.
O pasado 20 de setembro o Banco Santander pechou 176 sucursais no marco do plan de axuste e integración da rede do Banco Popular. Galicia é unha das zonas máis afectadas tras o peche de 26 oficinas. Como alertan os representantes dos traballadores, «este proceso de peche se intensificará antes do remate do mes de novembro».
En consecuencia, Díaz preguntou ao Goberno se ten coñecemento dos plans de redución da plantilla por parte do Santander e se mantivo algunha xuntanza coa empresa para analizar as consecuencias na poboación usuaria deste plan de axuste.
Ademais, pide detalles sobre se se estableceu por parte do FORB ou do Goberno algún tipo de condición no proceso de venta do Banco Popular e a súa filial, o Banco Pastor ao Banco Santander, de forma que se obrigara a manter as plantillas de traballadores.
Tendo en conta que o Grupo Santander incrementou os seus beneficios económicos, Díaz esixe ao Goberno que valore o recorte de plantilla e pregunta se está previsto algún tipo de intermediación.
«Ten previsto o Goberno algún tipo de intervención ou mediación para que se reconsidere a decisión de seguir reducindo o persoal e a estrutura territorial de oficinas do Santander?», pregunta a deputada.
En definitiva, a deputada denuncia que este proceso «conduce á concentración bancaria e á formación dun perigoso oligopolio para a sociedade e a democracia».