Galicia en Común pregunta ao Goberno se vai garantir a viabilidade das coberturas dos seguros agrarios

Madrid, 15 de xullo de 2019. O deputado de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, trasladou ao ámbito parlamentario nunha iniciativa a preocupación que lles fixeron chegar representantes de asociacións e colectivos do sector agrario polo aumento no prezo dos seguros e pola forma en que se xestionan.

«Que plantexamentos ten o Goberno para adaptar o seguro agrario de xeito que garanta a viabilidade das actuais coberturas sen incrementar os costes ás explotacións de maior risco?», pregunta Gómez-Reino, xunto coa deputada Eva García Sempere.

Os deputados trasladan ao ámbito parlamentario a preocupación que lles fixeron chegar directamente representantes de asociacións e colectivos do sector agrario polo aumento no prezo dos seguros así como a forma e as características en que se xestionan.

«Debido á escalada desta preocupación nos últimos meses, preguntamos ao Executivo do PSOE se existe algunha negociación coas comunidades autónomas para que, cun aporte estable no seu ámbito competencial, se poida fortalecer o sistema estatal de seguros agrarios garantindo primas accesibles e un nivel de cobertura axeitado», incide o deputado.

No último exercicio, segundo os datos oficiais, o seguro agrario situouse en cifras récord con máis de 14.000 millóns de capital asegurado (a produción final agraria supera os 45.000 millóns) e coa fidelidade de 380.000 peticións, contratando unhas 420.000 pólizas grazas ás axudas públicas que supoñen unha media do 41% do custo das primas.

Os deputados advirten de que esta situación mantense así «a pesar do incremento das primas que pagan os agricultores e gandeiros nos últimos anos, e ás subidas que se están anunciando para o futuro».

Ademais, sinalan que despois 40 anos os niveis de implantación do seguro agrario son moi desiguais segundo sectores e insisten na necesidade de coidar a agricultores e gandeiros, dado que estes seguros deberán ser unha ferramenta chave fronte ao cambio climático e os seus impactos.