Galicia en Común pregunta no Congreso pola omisión dos informes de impacto ambiental en varios proxectos mineiros en Galicia

  • Antón Gómez Reino reuniuse a pasada semana con varios colectivos que se opoñen ao establecemento de minas de litio na provincia de Ourense

Madrid, 16 de decembro de 2020.-Galicia en Común vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria en relación á ausencia do procedemento de avaliación de impacto ambiental en proxectos mineiros en Galicia.

Na iniciativa presentada lémbrase que a lei 21/2013, de 9 de decembro, “sanciona coa nulidade a aprobación ou autorización de proxectos que non se someteron a avaliación ambiental cando era necesaria para a actividade”. Por iso o deputado de Unidas Podemos e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, pregúntase no escrito presentado por que a autoridade autonómica tramitou o proxecto sen o preceptivo informe de impacto ambiental.

Trátase do proxecto para a explotación de litio “Alberta I” tramitado pola Xunta entre 2018 e 2020 nos termos municipais de Avión e Beariz, na provincia de Ourense, e na Lama, Forcarei e Cercedo en Pontevedra. Antón Gómez Reino lembrou que “numerosos colectivos e cidadáns e cidadás presentaron decenas de escritos e alegacións nos que advertían de que o proxecto debía someterse a dito procedemento de avaliación de impacto ambiental”. 

“A pesar de que non se conta con este informe”, indicou Gómez Reino, “a Xunta continuou a tramitación deste proxecto mineiro”. No documento presentado ante a Mesa do Congreso recóllese que “os xacementos de litio teñen sempre presenza de sulfuros, co seu potencial de xeración de drenaxes ácidos de mina, asociándose nesta zona á presenza de minerais radioactivos”. 

Galicia en Común lembra na pregunta rexistrada que “xa se teñen iniciado procedementos penais por prevaricación contra altos cargos e funcionarios da Administración de minas de Galicia por ter autorizado proxectos mineiros sen o preceptivo informe de impacto ambiental”. Por iso se lle pregunta ao goberno se vai poñer en coñecemento da Fiscalía esta cuestión se houbera indicios de prevaricación.