Congreso, 20 de decembro de 2019. Os deputados de Galicia en Común no Congreso, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, rexistraron varias preguntas relativas ás numerosas e reiteradas incidencias na rede ferroviaria na provincia de Lugo.
Os deputados preguntan polo número exacto de incidencias en toda a provincia, ademais de no percorrido concreto de Lugo-Monforte-Ourense.
«Cales son os principais motivos que provocan estas incidencias? É consciente o Goberno que ata os propios traballadores de Renfe se manifestaron para protestar polo malo estado da vía e para pedir un mellor mantemento?».
Ante esta grave situación que provoca retrasos e cancelacións, os deputados insisten ao Executivo en que explica as actuacións que pensa levar a cabo para solventar a situación.
«Cales son os prazos da fase de contratación e redacción dos proxectos de adecuación integral da infraestructura e vía en todo o traxecto Lugo-Monforte-Ourense?», preguntaron os deputados.