A formación baséase nun estudo realizado pola Universidade de Coruña
Gomez Reino: “Coidar a Serra da Groba é coidar a Galicia en todo o seu esplendor, debémosllo á nosa historia pero tamén ás próximas xeracións”
A Coruña, 27 de xaneiro. Galicia en Común rexistrou no Congreso dos Deputados unha pregunta ao Goberno sobre o descenso da cabana de cabalos salvaxes e os seus ecosistemas en Galicia, baseada no estudo Os cabalos salvaxes en Galicia, unha investigación da Universidade da Coruña.
O estudo presentouse o 12 de decembro na Comisión Europea e expón que a poboación de cabalos salvaxes en Galicia caeu ata a metade, desde os anos 70 ata a actualidade, que roldan as 10.000 cabezas. “Aínda con este descenso, esta colonia segue sendo a maior de España e de Europa, aínda que se non se toman as medidas oportunas pode chegar á súa desaparición, o que tería efectos ostensibles sobre os ecosistemas que habita”, alega o documento de Galicia de Común.
Antón Gómez Reino, que impulsou esta iniciativa, resaltou a importancia de protexer as cabanas de cabalos salvaxes e o seu vital papel para a repoboación dos bosques e para os ecosistemas, mesmo para os incendios. “En Galicia os cabalos son parte dos montes e conectan con todos os nosos valores históricos, naturais e culturais”, alegou o portavoz.
Segundo o estudo, son varias as razóns polas que o número de cabalos se reduciu considerablemente. “Os propietarios abandonan o medio rural onde só quedan os maiores, que non poden ocuparse disto e, doutra banda, hai condicionantes negativos como a baixada do prezo de mercado da carne de poldro e outras cuestións relacionadas coas axudas da Política Agrícola Común”, sosteñen os investigadores.
A pregunta parlamentaria pide ao Goberno unha valoración sobre as conclusións deste estudo e pide medidas para a protección das colonias de cabalos salvaxes e os seus ecosistemas en Galicia. Gómez Reino sinalou a Serra da Groba -un dos espazos no que se sustenta o estudo- como o exemplo claro da situación dos cabalos salvaxes en Galicia e da necesidade de salvagardar esta riqueza natural: “Coidar a Serra da Groba é coidar a Galicia en todo o seu esplendor, debémosllo á nosa historia pero tamén ás próximas xeracións”.